Verín comeza agosto coas Xornadas Culturais Nova Era

Este ano a súa celebración coincide cos preparativos para o X aniversario da Banda de Gaitas Nova Era.
As xornadas coinciden co X aniversario da Banda de Gaitas Nova Era.
photo_camera As xornadas coinciden co X aniversario da Banda de Gaitas Nova Era.

A música de raíz dará a benvida ao mes de agosto en Verín. Nos días 1 de 2 de agosto, celebrarase a cuarta edición das "Xornadas de Música Tradicional Nova Era" organizadas pola Asociación de Música Tradicional de Monterrei e a Banda de Gaitas Nova Era co apoio do tecido hostaleiro.

As Xornadas, consolidadas xa na programación anual de Verín, preséntanse coma un encontro ao redor da música popular. "A música de raíz nace na comunidade: nos bailes, foliadas ou alboradas nas que toda a veciñanza facía parte. Con estas xornadas pretendemos crear ese espazo de encontro no que rompamos a barreira entre o público e os músicos". 

O 1 de agosto, as integrantes da Banda de Gaitas Nova Era organizarán unha sesión de xogos populares para as crianzas da vila. Esa mesma tarde os músicos da banda tamén visitarán o Centro de Día Solleira e O Fogar de Santa María onde as usuarias cantarán e bailarán ao ritmo das gaitas nunha foliada particular.

Cantos de taberna

Un dos pratos fortes da programación serán os Cantos de Taberna na tarde do día 2. Candaira, Silveiras do Támega, Cantarela do Riós e Nova Era percorrerán as rúas ao redor da Praza Maior para ir reclutando bailadoras para unha Gran Foliada Popular na Praza Maior de Verín ao redor das 23 horas.

As Xornadas Culturais Nova Era son unha das actividades coas que a Banda de Gaitas Nova Era traballa de xeito anual para achegar a música galega á veciñanza da comarca. Este ano a súa celebración coincide cos preparativos para o X aniversario da Banda. Os seus integrantes queren celebrar este fito e están argallando unha serie de eventos especiais que se prolongarán durante todo o ano. 

Comentarios