Pontevedra volve falar e cantar 'Con voz de muller'

O ciclo inclúe como novidades unha sesión de narración oral e varios pasarrúas pola cidade.
Guadi Galego esgotou as entradas de 'Síntese Horizonte'  en Pontevedra. (Foto: Pixelin Photo)
photo_camera Guadi Galego esgotou as entradas de 'Síntese Horizonte' en Pontevedra. (Foto: Pixelin Photo)

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez e a cantora Guadi Galego, presentaron onte en rolda de prensa o ciclo Con voz de muller, que traerá a Pontevedra grandes voces femininas.

 Entre o 31 de xullo e o 4 de agosto celebraranse na Praza da Ferrería cinco concertos que estarán protagonizados por mulleres. A estes concertos súmanse este ano dúas novidade: a primeira é que este ano, a partir das 20:30 horas, haberá pasarrúas para amenizar a cidade até a hora dos concertos. Estarán protagonizados por Troula (día 31), a charanga Brassica Rapa (día 1), o grupo Celme (día 2), o grupo de percusión Somdolilá (día 3) e a charanga Bicoia (día 4).

A segunda novidade consiste en que, na sexta feira, 2 de xullo, haberá un espectáculo de monólogos, tamén coas mulleres como protagonistas.

Será precisamente Guadi galego -que repite, xa que estivo en Pontevedra o pasado mes de abril co seu espectáculo Síntese Horizonte, a que abra esta nova edición de Con voz de muller, cun concerto que decorrerá na cuarta feira, 31 de xullo, a partir das 22.30 horas.

Ao día seguinte, o 1 de agosto, subirase ao escenario o grupo De Vacas co espectáculo Rebovina Divas Live, no que fan unha homenaxe ás divas do pop como Whitney Houston, Celine Dion ou Beyoncé.

O día 2 a música deixará paso ao humor cos monólogos de Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro.Sheila Patricia retomará os concertos o sábado 3 e o grupo de cantadeiras Malvela poñerá o peche ao ciclo o día seguinte, o domingo 4.

Todos os concertos serán na Praza da Ferrería e comezarán ás 22:30 horas.  

Máis en CULTURA
Comentarios