A Casa do Cabido de compostela chega aos 300.000 visitantes

O visitante número 300.000 foi recibido e agasallado cun lote de publicacións do Consorcio este 26 de xullo.
A Casa do Cabido, en Santiago.
photo_camera A Casa do Cabido, en Santiago.

A Casa do Cabido de Santiago recibiu esta sexta feira, 26 de xullo, o seu visitante número 300.000 dende que foi inaugurada como espazo expositivo no ano 2012, logo da súa rehabilitación. Desde entón o histórico edificio situado na praza de Praterías acolleu 54 exposicións temporais de diferentes temáticas vinculadas coa cultura galega, o maior número delas de carácter fotográfico.

A meirande parte dos 300.000 visitantes recibidos durante estes anos foron autóctonos, de Santiago de Compostela, seguidos de persoas doutras zonas da Galiza e, en terceira posición, de visitantes procedentes de Madrid. Tamén chegaron persoas de diferentes países europeos, maiormente de Francia e de Alemaña, e mesmo visitantes doutros continentes, destacando os procedentes de Asia, en especial de Xapón e de Filipinas. O perfil de visitante é dun individuo de entre 35 e 55 anos, cun lixeiro predominio das mulleres sobre os homes.

O ano no que se recibiron máis visitantes foi o 2023, onde se batiu o récord con 50.746 persoas. Pola súa banda, as exposicións con mellor acollida foron Lorca en Compostela (2023-2024) e Santiago proxectado, arquitecturas non construídas (2023-2024), así como a recentemente clausurada Lousas dun mesmo mundo (2024), unha mostra fotográfica do compostelán Denís Estévez. A exposición actual é Ksado. Iconas de Galicia, que estará até novembro.

Durante a súa traxectoria como sede de exposicións temporais destacan moitas máis mostras, que tiveron tamén unha gran repercusión cultural, como Memorias do Café Derby; Dobre Quadratura", con obras dos artistas Lois Patiño e Jorge Perianes; Rostros, debuxos e caricaturas de Carlos Maside; Compostella dicitur. A cidade da catedral; ou Rúas de Compostela. De onte a hoxe e Memoria de Compostela, entre outras moitas.

En 2011 o Consorcio de Santiago rehabilitou por completo o edificio barroco coñecido como Casa do Cabido, na praza de Praterías. A obra supuxo unha restauración do edificio, que foi adaptado para o seu novo uso cultural. O proxecto de rehabilitación, dirixido dende a Oficina Técnica do Consorcio, respectou ao máximo a concepción e os materiais orixinais do inmoble, unha das máis altas expresións de arte barroco na cidade, trazado por Clemente Fernández Sarela no século XVIII.

Comentarios