A Mostra de teatro de Cariño ofrece un total de 14 espectáculos

A XLVI edición deste encontro escénico terá lugar entre o 4 e o 10 de agosto.
Anabell Gago e Mónica Camaño en 'As alumnas', dirixidas por Fina Calleja con texto de Paula Carballeira. (Foto: Culturactiva)
photo_camera Anabell Gago e Mónica Camaño en 'As alumnas', dirixidas por Fina Calleja con texto de Paula Carballeira. (Foto: Culturactiva)

A Mostra de Teatro Galego de Cariño adiántase este ano unha semana para pasar a celebrarse xa nos primeiros días de agosto. A XLVI edición deste encontro escénico terá lugar entre o 4 e o 10 de agosto ofrecendo 14 espectáculos, a maioría deles de creación galega.

A programación abrirase o domingo 4 de agosto, cun acto de presentación no que se entregarán os premios do público da edición pasada, que foron, no apartado adulto para o Grupo Chévere pola súa obra N.E.V.E.R.M.O.R.E., mentres que o público infantil premiou Os Náufragos teatro pola súa obra Hugo.

O día de apertura o programa estará enfocado ao público familiar coas obras Os zancudos de Barafunda (12 horas); e Mute, da compañía vasca Orain-Bi Zirko Teatro (20.30 horas).

A Mostra de Cariño será unha boa oportunidade para repasar algunhas das obras que as compañías galegas manteñen en cartel. Así, o día 5 actuará a compañía Ghazafelhos, con Bon Apetit (12 horas), e Malasombra Producións, con D.E.P. (22 horas); o día 6, Os Náufragos representará Comenoites, e Culturactiva presentará As alumnas, un texto de Paula Carballeira dirixido por Fina Calleja.

Na quinta feira, día 7, Barafunda porá en escena Antón, un neno diferente, e Chévere, As fillas bravas e o mito de Casandra. Ao día seguinte, Baobab Teatro ofrecerá a obra Ás para Álex, e Tarabela Creativa, Boa sorte e mala fama.

O día 9, PT Excéntricas, levará a escena Monstros, e Os Náufragos, con Noso; e finalmente, o sábado 10 haberá unha actuación gratuita de Culturactiva, Hoxe si, e a actuación musical de Catuxa Salom.

Comentarios