Os monicreques checos toman Titiriberia

Os especialistas checos Marie Jirásková e Pavel Jirásek ofrecerán un obradoiro de manipulación de monicreques históricos deste país centroeuropeo, ademais de unha exposición, visitas guiadas, presentacións de libros e unha sesión audiovisual.

Un teatriño da colección Marie e Pavel Jiráskovi.
photo_camera Un teatriño da colección Marie e Pavel Jiráskovi.

O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo, celebrarase entre os días 12 e 18 de agosto cunha gran protagonista internacional: a República Checa. Nesta novena edición, o festival trae a Rianxo a tradición histórica dos monicreques checos da man de dous grandes especialistas do país centroeuropeo: Marie Jirásková e Pavel Jirásek. A súa participación en Titiriberia incluirá un curso de formación, unha exposición, visitas guiadas, presentacións de libros e unha sesión audiovisual.

Marie Jirásková (1964) é deseñadora de escenografía e vestiario, especialista en títeres e artista plástica. Mestura o seu labor artístico coa docencia destas disciplinas, ademais de cultivar unha recoñecida traxectoria como especialista do monicreque checo. 

Pola súa parte, Pavel Jirásek (1963) é músico, escritor, guionista e director de cinema. Combina o seu traballo creativo e de coleccionista coa docencia e traballos na Televisión Nacional Checa (Česká televize), onde realiza programas e documentais de carácter cultural.

O curso impartido por ambos os dous especialistas checos celebrarase os días 13 e 14 de agosto en horario de 10 a 14 horas no Auditorio de Rianxo. Baixo o título Manipulación de títeres históricos da República Checa e de construción de teatros de papel, este obradoiro trae a tradición checa do teatro familiar, pensada principalmente como xogo doméstico para a cativada que implicaba o deseño de teatros de papel, escenografías e monicreques.

Así, as persoas participantes coñecerán técnicas de creación destes teatriños, aprenderán técnicas de movemento e poderán manipular títeres históricos da colección da familia Jiráskovi. A inscrición está aberta a través de [email protected] até o 9 de agosto.

O día 12 inaugurarase no Auditorio de Rianxo a exposición Títeres históricos checos da Colección de Marie e Pavel Jiráskovi, que se poderá ver até o 18 de agosto. Os dous especialistas ofrecerán dúas visitas guiadas pola mostra nas tardes da segunda e da terza feira ás 19.30 horas.

Na cuarta feira, ás 17.30 horas, conducirán unha sesión audiovisual sobre a tradición dos monicreques centroeuropeos a través da análise de diferentes documentais e presentarán varios dos seus libros.

Máis en CULTURA
Comentarios