París 2024 | Natación

Summer McIntosh non defrauda: ouro nos 400 metros estilos con só 17 anos

Final de infarto na final masculina dos 200m libres, con só 15 centésimas separando o primeiro do cuarto clasificado.
A nadadora canadense Summer McIntosh, esta segunda feira. (Foto: Michael Kappeler / DPA vía Europa Press)
photo_camera A nadadora canadense Summer McIntosh, esta segunda feira. (Foto: Michael Kappeler / DPA vía Europa Press)

Se este domingo falabamos do ouro e récord olímpico do francés Léon Marchand nos 400 metros estilos, a gran protagonista desta segunda feira na piscina de La Défense Arena foi a canadense Summer McIntosh, un dos grandes atractivos destes Xogos: medalla de ouro na mesma proba na categoría feminina.

A nadadora, de só 17 anos, demostrou que ten un futuro brillante por diante e non tivo rival na piscina. Rematou os 400 cun tempo de 4:27.71, superando por case seis segundos a segunda clasificada, a estadounidense Katie Grimes.

Final de infarto nos 200 libres masculino: 15 centésimas entre o primeiro e o cuarto!

Posteriormente saltaron á auga os oito finalistas nos 200m estilo libre masculino, nunha carreira moi axustada que non se decidiu até os metros finais en favor do romanés David Popovici. Houbo só quince centésimas de marxe entre el e o cuarto clasificado, o escocés Duncan Scott.

Popovici asinou un tempo de 1:44.72, só dúas centésimas mellor que o do inglés Matthew Richards, cinco por riba do estadounidense Luke Hobson e coas citadas quince centésimas de vantaxe sobre Scott, que ficou sen medalla por unha diferenza practicamente imperceptíbel.

Comentarios