París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | Do sorriso de Biles á oportunidade de ouro de Enmanuel Reyes, un novo récord olímpico e dúas polémicas

Xornada de contrastes, con boas, moi boas, malas e moi malas noticias para o deporte galego.
A ximnasta estadounidense Simone Biles, este domingo, no Bercy Arena de París. (Foto: Marijan Murat / DPA vía Europa Press)
photo_camera A ximnasta estadounidense Simone Biles, este domingo, no Bercy Arena de París. (Foto: Marijan Murat / DPA vía Europa Press)

Saíu o sol en París no segundo día de Xogos. Este domingo desprazámonos a primeira hora até o Bercy Arena para presenciar un dos eventos máis agardados da cita olímpica de París: o retorno de Simone Biles, a raíña da ximnasia artística, que deixara a medias a súa participación en Toquio hai tres anos por saúde mental. Algo que non nos resulta alleo na Galiza, pois o arqueiro Miguel Alvariño, natural das Somozas, renunciou este ano a viaxar á capital francesa para competir polos metais polo mesmo motivo, e tamén o fixo na cita xaponesa de 2021 o remeiro Rodrigo Conde, no seu caso para regresar máis forte que nunca en París.

Historias que nos axudan a non esquecer que as e os deportistas de elite son tamén humanos, como todas e todos nós, e é importante pór o foco na saúde mental nun escenario no que parece sempre eclipsada pola pertinaz busca da gloria eterna. Anos de arduo esforzo que culminan en apenas unhas horas —ou minutos, mesmo segundos, en función da disciplina deportiva—. Un mal movemento, un pequeno despiste, e alá vai todo o traballo. Que pequena é a diferenza entre pasar aos anais da historia e marchar á casa de baleiro. Pero Biles demostrou hoxe que non veu de paseo, senón a recuperar o sitio que lle corresponde nun deporte do que é ama e señora. Algo do que era consciente o público do Bercy Arena, que a recibía cunha sonora ovación cada vez que a mencionaban pola megafonía.

A xornada comezou para o deporte galego ás 10 horas no Champ de Mars Arena, onde o judoka David García Torné, catalán que compite con licenza da Galiza, caeu na primeira rolda da categoría de -66 kg ante o kazako Gusman Kyrgyzbayev. Despedíase así duns Xogos que o seu compañeiro en -60 kg Fran Garrigós non poderá esquecer nunca, pois completou a súa brillante actuación deste sábado cun bronce que se lle escapou pola mínima a Laura Martínez no -48 kg.

E continuamos a varios quilómetros do corazón da cidade, no Paris Nord Arena, cunha frenética xornada de boxeo que despexou o camiño cara ás medallas para Enmanuel Reyes Pla. O púxil da Coruña, nado en Cuba, fixo os deberes ante o chinés Xuezhen Han e venceu mostrando a súa superioridade como número 3 no ráking mundial de pesos pesados. Unha categoría da que é agora o mellor dos que seguen na loita en París, pois, contra todo prognóstico, o vixente —dobre— campión olímpico e o seu verdugo en Toquio, o cubano Julio César La Cruz, foi eliminado no primeiro combate polo cubano-azerí Loren Berto Alfonso, así como o número 2 do mundo, o italiano Aziz Abbes Mouhiidine, fronte ao uzbeko Lazizbek Mullojonov.

Pasado o mediodía estreábase na cidade portuaria de Marsella a regatista ourensá Támara Echegoyen, que coa súa compañeira habitual de embarcación, a balear Paula Barceló, non tivo fortuna e rematou décimo novena —penúltima— na clasifiación xeral ao remate da terceira regata. Moito terá que mudar o panorama para que poidamos ver de novo no podio a Echegoyen, primeira medallista olímpica da historia do noso país.

Despois do xantar, con todo, volveron as boas novas para o deporte galego: a selección estatal de baloncesto feminina, coas galegas Paula Ginzo e María Araújo en nómina, remontou na prórroga —á que chegou grazas a un triplo practicamente sobre a bucina— un partido que se lle puxera costa arriba ante China para empezar con bo pé nestes Xogos.

Seguindo co baloncesto, mais masculino, unha noticia deu a volta ao mundo alén da cancha: a organización confundiu o himno de Sudán do Sur, que se estreaba no Stade Pierre Mauroy de Lille na primeira cita olímpica da súa historia ante Porto Rico —con vitoria final—, co de Sudán, país do que se independizou en 2011.

Tamén tivemos triunfo no fútbol feminino, na que a selección estatal da pontevedresa Teresa Abelleira, que este domingo foi titular, certificou o pase a cuartos fronte a Nixeria grazas a un auténtico golazo de libre directo de Alexia Putellas a escasos minutos para o asubío final. Non correu a mesma sorte a selección feminina de balonmán, aínda sen a valdoviñesa Alicia Fernández, que volveu perder, desta volta contra Angola (26-21), e complica enormemente as súas opcións de pasar ás eliminatorias.

Ademais, este domingo tivemos outra noticia de grande alcance que causou unha grande preocupación: a primeira hora cancelouse o adestramento previsto para os atletas que competirán no tríatlon esta terza feira pola turbidez das augas do Sena. Unha cuestión, a da contaminación do río parisino, que parecía xa superada pero que agora volve deixar no ar tanto o tríatlon como a natación en augas abertas.

E non podemos esquecer o gran fito da xornada: o nadador francés Léon Marchand conseguiu o seu primeiro ouro, nos 400 estilos, superando ademais o récord olímpico que ostentaba nada menos que Michael Phelps. Enorme Marchand, que non fallou ante a súa xente e que parece decidido a arrebatarlle o trono ao estadounidense.

Máis en DEPORTES
Comentarios