París 2024 | Baloncesto

VÍDEO | Polémica nos Xogos Olímpicos: soa o himno de Sudán no partido de Sudán do Sur... e estas foron as reaccións

A República de Sudán do Sur desvinculouse formalmente de Sudán no ano 2011.
Os xogadores de Sudán do Sur festexando o seu triunfo ante Porto Rico. (Foto: FIBA)
photo_camera Os xogadores de Sudán do Sur festexando o seu triunfo ante Porto Rico. (Foto: FIBA)

Unha de cal e outra de area na estrea olímpica da selección de baloncesto masculina de Sudán do Sur este domingo. Os de París son os primeiros Xogos nos que participa este país independizado oficialmente de Sudán no ano 2011, e non comezaron da mellor maneira posíbel... mais tiveron un final que os seus xogadores nunca esquecerán.

No momento de cantar os himnos no seu primeiro encontro da fase de grupos ante Porto Rico a organización confundiu o seu himno co peor co que o podían facer: o dos seus veciños de Sudán. Os xogadores mostraron estupefacción e enfado, igual que moitos dos seus compatriotas desde as bancadas do Stade Pierre Mauroy de Lille, e así o recolleron as cámaras.

Aos poucos segundos de que comezase a soar o himno erróneo a organización decatouse, parouno e pediu desculpas á República de Sudán do Sur para proceder, desta volta si, a proxectar polos altofalantes do pavillón a súa canción nacional.

Malia comezar perdendo o primeiro cuarto por 20 a 28, Sudán do Sur soubo darlle a volta ao partido para acabar vencendo cun marcador de 90 a 79 á selección portorriqueña.

Sudán do Sur quedou encadrado nun grupo no que a primeira praza sería, previsibelmente, para os Estados Unidos, que se estrearon con vitoria ante Serbia. Pasan a cuartos de final os dous primeiros de cada un dos tres grupos e os dous mellores terceiros.

Máis en DEPORTES
Comentarios