París 2024 | Boxeo

Oportunidade de ouro para Enmanuel Reyes: eliminados o actual campión e o número dous do mundo

O cubano Julio César La Cruz, ouro en Rio e Toquio, foi o verdugo de Reyes na anterior cita olímpica.
O cubano Julio César La Cruz foi campión olímpico en Rio e Toquio. (Foto: Fernando Frazão/Agência Brasil, CC BY 3.0 BR vía Wikimedia Commons)
photo_camera O cubano Julio César La Cruz foi campión olímpico en Rio e Toquio. (Foto: Fernando Frazão/Agência Brasil, CC BY 3.0 BR vía Wikimedia Commons)

O boxeador cubano-galego Enmanuel Reyes Pla deixou ben claro no seu debut deste domingo ante o chinés Xuezhen Han que veu a París con ganas de revancha e que nada nin ninguén o deterá na súa procura do ouro olímpico, o único obxectivo que desde hai anos ten entre cella e cella. E o panorama parece inmellorábel para conseguilo.

O actual dobre campión olímpico na categoría (-92 kg), en Rio 2016 e Toquio 2020, e número un do ranking de pesos pesados (86-92 kg), o cubano Julio César La Cruz, caeu de forma sorpresiva esta tarde na primeira rolda ante o cubano-azerí Loren Berto Alfonso —número un en peso cruceiro (80-86 kg) se ben nos Xogos compiten nunha mesma categoría—, por unha decisión moi axustada e dividida dos xuíces (3-2), con só un deles dando como gañador a La Cruz nos tres asaltos, mentres os seus catro compañeiros do xurado dubidaron até o final.

La Cruz foi, precisamente, quen eliminou Reyes Pla en Toquio, nun combate de cuartos de final que tamén se decidiu aos puntos non sen polémica, pois o púxil galego, desconforme coa decisión, afirmou á saída do ring verse gañador. Nunha recente entrevista con Nós Diario, Reyes afirmaba que o desquite contra o vixente campión non era unha prioridade para el: "De verdade que me dá igual, non me enfoco só nel. Teño máis rivais e teño que gañar a todos para poder conseguir esa medalla de ouro, que é a que quero".

E tamén nestes oitavos de final foi derrotado o italiano Aziz Abbes Mouhiidine, o segundo no ránking de pesados, alén de ouro europeo e prata mundial. O seu verdugo foi o uzbeko Lazizbek Mullojonov (4-1 a criterio dos xuíces), o número 14 na clasificación internacional de pesos pesados nestes momentos. Reyes é hoxe o número 3 dos pesados e o de maior ránking neste peso dos que seguen na loita polos metais en París.

Con La Cruz e Mouhiidine fóra de combate, o camiño de Enmanuel Reyes cara á gloria parece despexarse. O seu rival en cuartos de final —onde, aínda caendo, tería xa asegurado un novo diploma olímpico— será o belga Victor Schelstraete, que derrotou na primeira rolda ao samoano Ato Plodzicki-Faoagali e que actualmente é o noveno do mundo en peso cruceiro. O combate será a próxima quinta feira, 1 de agosto, a partir das 13.08 horas.

Comentarios