Maduro alerta dunha nova tentativa de desestabilizar Venezuela impulsada polos Estados Unidos

As actas electorais serán publicadas proximamente tras o 'hackeo' ao CNE.
Mobilización a terza feira en Caracas, a capital de Venezuela, a favor de Nicolás Maduro. (Foto: PSUV)
photo_camera Mobilización a terza feira en Caracas, a capital de Venezuela, a favor de Nicolás Maduro. (Foto: PSUV)

Na mañá da terza feira a tensión era palpábel nas rúas de Caracas, a capital venezolana, sinalou a Nós Diario Martxelo Otamendi, ex director de Berria desprazado ao país americano, no comezo dunha xornada na que decorreron na cidade dúas mobilizacións enfrontadas con milleiros de persoas. A convocada por Jorge Rodríguez, presidente da Asemblea Nacional de maioría chavista, para “defender a paz” e celebrar a vitoria nas eleccións presidenciais do domingo, nas que o mandatario progresista Nicolás Maduro (Gran Polo Patriótico Simón Bolívar) se asegurou un novo mandato de seis anos. E a impulsada pola principal candidatura opositora, a do conservador Edmundo González (Plataforma Unitaria Democrática), para denunciar unha suposta fraude no reconto das papeletas co fin de evitar o seu triunfo.

Na noite anterior rexistráranse cazoladas e protestas contra os resultados publicados polo Consello Nacional Electoral (CNE) en varios puntos do país que derivaron en enfrontamentos coas forzas de seguridade. Unha entidade non gobernamental, Foro Penal, sostivo que seis persoas faleceron nos disturbios que ocorreron sobre todo en Caracas e como mínimo 132 foron detidas.

Ademais, foron derrubadas en tres cidades estatuas de Hugo Chávez, presidente do país entre 1999 e 2013 e líder do movemento continuado após a súa morte por Maduro, quen subliñou que responde ás “típicas imaxes das revolucións de cores impulsadas polos gringos no mundo”.

Nese sentido, acusou directamente os Estados Unidos, que xa apoiaran con anterioridade unha tentativa de golpe de Estado dos conservadores, de ser os responsábeis das protestas no país, alertando de que está en marcha “unha contrarrevolución violenta, fascista e criminal” que aspira a desestabilizar Venezuela para impor “outra vez” un “manto de agresións e danos” e “amarrala ao imperio estadounidense”. En alusión ás denuncias conservadoras de fraude en anteriores comicios apuntou que “esta película xa a sabemos e esta vez non vai haber ningún tipo de debilidade”, destacou.

Ao respecto, trasladou que axentes policiais resultaron feridos de bala nas manifestacións opositoras e informou de accións violentas contra unha sede rexional do CNE, sedes do Partido Socialista Unido de Venezuela (principal integrante da coalición pola que se presentou Maduro aos comicios), centros e material electoral, transporte público ou unha Alcaldía do interior do territorio, estimando que se produciron máis dun centenar de “ataques terroristas”. Á vez, asegurou que persoas detidas confesaron que recibiron 150 dólares estadounidenses (arredor de 140 euros) por saír a protestar.

Por este motivo fixo un chamamento ao pobo para “declararnos en acción permanente e en vixilia para acabar con este intento insurreccional de violencia e golpe de Estado”. Amais, sostivo que a meirande parte das persoas detidas estaban baixo os efectos das drogas, armadas, contan con antecedentes penais e chegaron hai pouco tempo dos Estados Unidos en voos de repatriación.

O escrutinio estivo marcado, remarcou o CNE, por un ataque informático masivo contra a transmisión dos datos electorais, que afectou un sistema electoral que a propia oposición consideraba fiábel antes de acusar o chavismo de irregularidades, atrasando o anuncio dos resultados, que até o de agora só se publicaron con 80% do escrutinio, e a publicación dos datos mesa por mesa.

O fiscal xeral venezolano Tarek William Saab debullou que o ataque efectuouse desde Macedonia do Norte e buscaba manipular os resultados recibidos polo CNE, e sinalou como implicados integrantes da oposición, entre eles María Corina Machado, vinculada coa extrema dereita internacional e líder real da facción máis importante da oposición.

Machado, que nun primeiro momento reclamou aos militares “facer respectar o voto”, aseverou que posúen 73,2% das actas de mesas electorais, mantendo que revelan o triunfo de González por unha ampla marxe e facendo pública a posta en marcha dunha web para consultar os datos, ao que Maduro respondeu ironizando con que proceden dunha “fábrica de actas que deben ter”.

A publicación dos datos disgregados foi solicitada por varios Gobernos progresistas do continente -outros como Honduras, Bolivia e Cuba recoñeceron os resultados-, o que tamén subscribiu a Organización das Nacións Unidas (ONU), que instou a comunicalas “ao seu debido tempo”. O líder do Ministerio Público trasladou que “proximamente” estarían dispoñíbeis na web do CNE, algo que Maduro confirmou ao enviado do mandatario brasileiro Lula da Silva, Celso Amorim, que acontecerá “nos próximos días”, recolleu o xornal O Globo.

126 organizacións progresistas de 107 países que exerceron como observadoras internacionais, entre elas a Confederación Intersindical Galega (CIG), emitiron unha declaración na que recoñecen os resultados e o traballo do CNE e piden á comunidade internacional “condenar os intentos de desestabilización e violencia xerados pola extrema dereita venezolana, internacional e imperial”. Tamén o BNG recoñeceu o resultado nunha mensaxe nas súas redes sociais.

Sobre como evolucionará a situación nos vindeiros días, Otamendi indica que Maduro pretende "non quentar demasiado a rúa" e que a oposición actuará segundo as "directrices" que reciba dos Estados Unidos.

As eleccións dividen América Latina

Tras as acusacións de fraude procedentes sobre todo de Executivos continentais que van da dereita á ultradereita, Venezuela acusounos de “atentar contra a soberanía nacional” pola inxerencia en cuestións internas e ordenou a retirada da representación diplomática no país -e a marcha da súa nestes Estados- da Arxentina, Costa Rica, Panamá, o Perú, a República Dominicana, o Uruguai e Chile, este último o único cun liderado progresista deste grupo e cuxo presidente, Gabriel Boric, considerou os resultados do CNE “difíciles de crer”.

En paralelo, Caracas resolveu suspender a partir da cuarta feira os voos comerciais desde e cara a Panamá e á República Dominicana, ao que reaccionou o país centroamericano conxelando as relacións bilaterais.

Comentarios