Biden propón reformar o Tribunal Supremo estadounidense e limitar a inmunidade presidencial

Harris consolídase como única opción demócrata.
O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, este mes. (Foto: Casa Branca / Europa Press / Contacto)
photo_camera O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, este mes. (Foto: Casa Branca / Europa Press / Contacto)

Malia as poucas posibilidades de que a iniciativa prospere posto que o Partido Demócrata só ten o control do Senado, o presidente estadounidense, Joe Biden, demandou a segunda feira ao Congreso que aprobe unha proposta para reformar o Tribunal Supremo que inclúe límites de mandato para a maxistratura e un código de ética que tería que aplicar, e que limita a inmunidade presidencial no contexto dunha posíbel vitoria do republicano Donald Trump.

Os medios locais interpretaron a proposición como un movemento electoral para intentar capitalizar as críticas contra o Supremo, de maioría conservadora, após emitir sentenzas moi cuestionadas como a eliminación do aborto como un dereito constitucional.

Ao tempo, a vicepresidenta Kamala Harris recadou arredor de 185 millóns de euros na primeira semana logo da retirada de Biden da candidatura á reelección e podería converterse xa esta semana de forma oficial na candidata do Partido Demócrata ao recibir o apoio de boa parte da cúpula do partido, tamén o de Biden, e ante a ausencia de máis candidaturas.

Comentarios