ERC fecha un preacordo co PSC e a militancia decidirá se Illa será president

A póla catalá do PSOE comprométese cun "concerto económico solidario".

Membros da Executiva de ERC nun descanso da xuntanza, a segunda feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Membros da Executiva de ERC nun descanso da xuntanza, a segunda feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Tras a fin dunha reunión que se prolongou máis de nove horas, a Executiva de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) comunicou a segunda feira que alcanzou un preacordo co Partit dels Socialistes (PSC-PSOE) para investir o seu líder, Salvador Illa, como novo presidente catalán, logo de que lograra a primeira praza nos comicios do 12 de maio.

O entendemento pivota arredor dun “concerto económico solidario”, en alusión á principal exixencia de ERC, un novo modelo de financiamento que permita ao país recadar todos os impostos e equivalente ao sistema foral vasco ou navarro.

Tensión en ERC

A decisión terá que ser avalada a sexta feira pola militancia nunha consulta telemática que se producirá nun momento de tensión no seo da formación polo proceso de renovación da cúpula, pola baixada dos resultados electorais e pola revelación de que integrantes de ERC foron os responsábeis dunha campaña contra Ernest Maragall, que rachou o carné do partido.

Amnistía

En Madrid, o Tribunal de Contas español freou a aplicación da lei de amnistía aos principais líderes do proceso de autodeterminación catalá sostendo que desviaron fondos para “finalidades prohibidas pola lei” e prexudicaron os intereses financeiros da Unión Europea (UE).

Ao respecto, formulou unha cuestión pre xudicial ao Tribunal de Xustiza do bloque comunitario coa que aspira a atrasar a implementación da norma de graza.

No marco da ofensiva do sistema xudicial español, controlado polos conservadores, dous meses despois de que a lei que beneficia as persoas independentistas catalás represaliadas fora aprobada, apenas se aplicou a un centenar de persoas, arredor da metade axentes policiais inculpados pola represión.

Comentarios