Israel lanza un ataque contra Beirut, a capital libanesa, e escala o choque con Hezbolá

O intercambio de disparos prolóngase desde outubro.
Despedida a segunda feira a unha vítima de Israel en Gaza. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Despedida a segunda feira dunha vítima de Israel en Gaza. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)

O Exército israelí lanzou na tarde da terza feira un ataque contra o sur de Beirut, a capital libanesa, sostendo que tiña como obxectivo un comandante de Hezbolá responsábel da morte de 12 crianzas na explosión dun proxectil nos Altos do Golán, un territorio sirio ocupado por Israel.

A canle Al Jazeera reportou unha “grande explosión” e asegurou que a “resposta de Hezbolá determinará a traxectoria do conflito”, despois do intercambio de disparos entre Israel e a organización libanesa desde outubro, cando esta última comezou cos ataques en defensa do pobo palestino após o inicio da agresión militar israelí contra Gaza.

Sexa como for, Hezbolá, que negou calquera responsabilidade no ataque aos Altos do Golán, adiantou que respondería a calquera ofensiva israelí e horas antes atacou o norte de Israel, onde se rexistrou a morte dunha persoa.

Sobre as dúbidas arredor do ataque aos Altos do Golán, que afectou á comunidade drusa siria que alí reside, un oficial militar israelí sinalou á axencia AP que os seus sistemas detectaron o proxectil máis non lanzaron un mísil para interceptalo.

Comentarios