París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | Do (fake) tríatlon ao remo e a natación: a auga, protagonista nun día de calor abafante

Rematou a cuarta xornada dos Xogos Olímpicos, nun día marcado pola abafante calor e a auga nas súas diferentes formas (e competicións).
A Torre Eiffel vista esta terza feira desde as augas do río Sena. (Foto: Marijan Murat / DPA vía Europa Press)
photo_camera A Torre Eiffel vista esta terza feira desde as augas do río Sena. (Foto: Marijan Murat / DPA vía Europa Press)

A vaga de calor que estes días padece Galiza faise notar tamén en París, onde esta terza feira os termómetros chegaron a superar os 35 graos. Unha xornada solleira, con ceos despexados, na que tivemos a auga como a particular protagonista... por diferentes motivos.

Nada máis espertar, con todo xa preparado para vivir unha proba tan agardada como era o tríatlon masculino —onde compite o vigués Antonio Serrat—, recibimos unha alerta da Federación Internacional avisando do seu adiamento. Un anuncio agardado, por outra parte, tendo en conta que xa se suspenderan os adestramentos do domingo e a segunda feira. A contaminación do río Sena impediu que se puidese celebrar en condicións de seguridade a proba de natación; veremos que pasa esta cuarta, de novo ás 8 horas, cando figuran no calendario o tríatlon feminino primeiro e o masculino despois.

Moita auga vemos tamén nas botellas dos miles de atletas, espectadores, xornalistas e persoal da organización que asistiu ao longo do día a calquera das probas ao ar libre, pois se xa é complicado saír á rúa sen derreterse, unha insuficiente hidratación pode arruinarnos o resto do día.

E cancelado o tríatlon dirixímonos ao estadio náutico de Vaires-sur-Marne, situado a uns 30 quilómetros do corazón de París, para acompañar ao remeiro moañés Rodrigo Conde. El ben sabe o que é a deshidratación, no seu caso obrigada cando tocaba control de peso para poder manter o requirido na categoría lixeira do dobre scull, que abandonou hai tres anos, ás portas dos Xogos de Toquio, por motivos de saúde. Hai que saber cando parar, aínda que iso supoña renunciar a unha cita olímpica. E a Conde, desde logo, saíulle ben; abofé que si.

Esta terza feira ratificou o seu excelente estado de forma xunto ao seu compañeiro no bote, o catalán Aleix García, agasallándonos unha pedazo de regata, como el mesmo a cualificou logo en conversa con este xornal, que cun —merecido e pelexado até o final— segundo posto na súa serie conseguiu o ansiado billete á final, que se disputará esta quinta feira e á que asiste cunha única cousa en mente: a medalla de ouro.

Viramos a vista cara a Marsella, sen saírmos da auga, para rememorar a boa xornada da regatista ourensá Támara Echegoyen en vela, que canda a balear Paula Barceló iniciou unha —aínda difícil— remontada na clasificación xeral, ascendendo até o décimo cuarto posto, para chegar ás tres últimas regatas desta cuarta feira con opcións aínda de coarse entre as dez primeiras embarcacións para loitar polos metais na 'Medal Race'.

E rematamos a xornada con dúas espectaculares carreiras na piscina de La Défense Arena que se saldaron con dous novos récords olímpicos: a primeira, a que gañou a australiana Kaylee McKeown parando o crono en 57:33 nos 100 metros costas; a segunda, a do irlandés Daniel Wiffen facendo os 800m libres en 7:38.19. 

Comentarios