Facenda cifra en 10.857 millóns as entregas a conta

O Ministerio de Facenda comunicou esta terza feira á Xunta da Galiza que recibirá 10.262 millóns en concepto de entregas a conta polo exercicio 2025. BNG e PSdeG piden un financiamento "xusto" e "singular".
A ministra de Facenda, María Jesúa Montero, no Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesúa Montero, no Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).

O Ministerio de Facenda comunicou esta terza feira á Xunta da Galiza que recibirá 10.262 millóns en concepto de entregas a conta polo exercicio 2025. Coa liquidación do exercicio 2023, que alcanza os 680 millóns de euros, a comunidade disporá en total de 10.857 millóns do sistema financiamento autonómico o próximo ano, o que supón 299 millóns máis que a cifra recibida en 2024 (+2,8). 

As entregas a conta son a parte substancial do sistema de financiamento autonómico que ten o Estado español  e calcúlanse a partir dos recursos tributarios que se estima ingresen ao longo do exercicio en concepto de Imposto sobre a renda (IRPF), na tarifa autonómica, e as porcentaxes que marca a lei que corresponde a cada comunidade do IVE e impostos especiais e que o Estado adianta. O seu cálculo está vinculado á información dispoñíbel no momento de elaboración do anteproxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado (OXE). 

"Financiamento xusto"

En relación ao concerto económico, desde o BNG  exixen “un sistema de financiamento xusto no que o noso país poida recadar todos os impostos e negociar bilateralmente co Estado que parte entregar para os servizos comúns”. O deputado nacionalista, Néstor Rego, lembra que no Acordo de Investidura conseguido polo BNG estabelécese que “Galiza terá o mesmo trato que Euskadi e Catalunya en calquera avance que haxa”.

Por este motivo cre que “é de xustiza rematar co espolio fiscal que sofre o noso país, e se é posíbel en Euskal Herria ou en Catalunya, tamén o é na Galiza”.

Desde o PSdeG, pola súa parte, o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, pediu esta terza feira, tras ser preguntado polo pacto entre ERC e o PSC, un "financiamento singular" para a Galiza "pola idade media e adispersión da poboación". 

Comentarios