O BNG urxe incorporar por lei a remuneración dos permisos parentais até os oito anos

A medida está recollida na directiva europea sobre a conciliación da vida familiar e a vida profesional.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Nós Diario).

O BNG reclamou esta segunda feira ao Goberno español incorporar á normativa do Estado a exixencia de que se atenda ao custo económico asociado aos permisos de coidado, tal e como recolle a directiva europea sobre a conciliación da vida familiar e a vida profesional.

O deputado do Bloque no Congreso español, Néstor Rego, sinalou que o Estado debe blindar e estender a protección do permiso de lactación acumulado e abordar a extensión do permiso para os menores adoptados ou acollidos.

Así mesmo, Rego demandou a extensión da prestación por nacemento ou coidado de forma inmediata até as 20 semanas -como recollía o acordo para investidura de Pedro Sánchez entre o BNG e o PSOE- na perspectiva de ilo aumentando até os 12 meses para cada proxenitor e duplicar o permiso para as familias monoparentais.

A formación nacionalista lembrou tamén que en menos dunha semana termina o prazo para a transposición da parte restante da Directiva (UE) 2019/1158 do Parlamento e o Consello Europeo, relativa á conciliación da vida familiar e á vida profesional dos proxenitores e coidadores, no que corresponde á remuneración dos permisos parentais de oito semanas para a atención a fillos e fillas de até oito anos.

A pesar disto, o Goberno do Estado aínda non incorporou á normativa estatal esta transposición. "Cando se aprobaron os permisos, tanto o BNG como a CIG advertiron que era necesario abordar tamén a incorporación á normativa estatal da súa remuneración, con todo, esta segue atrasándose, a pesar de que a transposición é obrigatoria", dixo Rego.

Posíbeis sancións da Unión Europea

En opinión do parlamentario nacionalista, non se entenden as razóns de seguir postergando esta incorporación na lexislación estatal que é de obrigado cumprimento e, de non facerse, avisa de que dará lugar a sancións por parte da Unión Europea.

Neste sentido, conforme indica o BNG, a Unión Europea exixe que se atenda o custo económico asociado aos permisos de coidados, incluíndo este permiso parental que, ademais ten que ser un permiso diferenciado dos vinculados ao nacemento.

Comentarios