Santalices volveu ocupar o lugar de Filipe VI no acto de ofrenda ao Apóstolo

Sanmartín describe Compostela como "un espazo de diálogo co mundo" no que se tecen "os densos lazos das relacións que Santiago cultiva" con institucións, organizacións e persoas.
Goretti Sanmartín, Pedro Blanco, Núñez Feixoo e Alfonso Rueda (Foto: Arxina).
photo_camera Goretti Sanmartín, Pedro Blanco, Núñez Feixoo e Alfonso Rueda (Foto: Arxina).

As marxes da Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela tornaron durante a mañá desta quinta feira en lugar de concentración para as veciñas e turistas que, detrás dos valos e móbil en man na súa maioría, contemplaron un acto presidido polo presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices, quen volveu exercer neste 2024 como delegado rexio na tradicional Ofrenda ao Apóstolo ante a ausencia de Filipe VI na cerimonia.

Ese baleiro notouse nunhas medidas de seguridade que foron máis laxas que en anteriores ocasións, sendo o exemplo más próximo en 2022, último ano en que o de Borbón fixo acto de presenza.

Quen si estivo foi Alfonso Rueda, principal representante dun Goberno galego que estaba representado case ao completo, pois só faltaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, debido a unha lesión nun pé pola que nos últimos días xa se lle viu camiñando con axuda dunhas muletas; e o de Emprego, Comercio e Emigración, José González, quen xustamente esta quinta feira atopábase de viaxe oficial na Arxentina.

Pola súa parte, da Corporación municipal só participaron os grupos de PP e PSOE, tendo en conta que do Goberno local -conformado por BNG e Compostela Aberta- unicamente estivo presente a alcaldesa, Goretti Sanmartín, aínda que non acudiu á cerimonia relixiosa. Esta, no seu discurso da misa da ofrenda ao Apóstolo, tivo palabras en recordo para os dous mariñeiros galegos e os outros dous desaparecidos no naufraxio do Argos Xeorxia, nas Illas Malvinas.

Ademais, Sanmartín describiu ao Concello como "un espazo de diálogo co mundo", no que se tecen "os densos lazos das relacións que Santiago cultiva" con institucións, organizacións e persoas.

Recepción no Pazo de Raxoi ao delegado rexio

Finalizada a cerimonia relixiosa na Catedral, a comitiva oficial foi recibida no Pazo de Raxoi pola alcaldesa. Alí, o delegado rexio, Miguel Santalices, asinou no Libro de Honra do Concello, e pronunciou unhas verbas de agradecemento no Salón Vermello. Goretti Sanmartín, pola súa parte, aproveitou para definir Compostela como unha "mestura virtuosa" que sabe "progresar e conservar as súas tradicións".

Comentarios