Paula Prado: "Queremos máis competencias para a Galiza pero se veñen acompañadas de financiamento"

Paula Prado, secretaria xeral do Partido Popular de Galiza (PP)
Paula Prado arxina
photo_camera Paula Prado, secetaria xeral do PP galego (Foto: Arxina)

O Goberno vén de facer os seus primeiros 100 días de lexislatura e a valoración do PP supoño que será positiva

En campaña electoral nos presentamos cun programa de máis de 800 medidas nas que xa algunhas as poñíamos como reto para os 100 primeiros días. Esa palabra que dimos en campaña electoral hoxe cumpriuse. Nestes 100 primeiros días tomáronse medidas importantes, como foi a gratuidade da matrícula universitario ou o calendario vacinal, entre outras. Iso quere dicir que o Partido Popular é un partido de palabra, que é un partido que cumpre.

Cal é o modelo da Galiza que quere e propón o Partido popular?

Nós estamos comprometidos cunha Galiza que ten unha enorme riqueza, un patrimonio histórico, cultural, humano. O que queremos é protexelo e defendelo de cara ao futuro. Por iso facemos o acto da celebración do Día de Galiza  Ribeira Sacra, queremos que sexa nun lugar que se presenta a patrimonio mundial da Unesco como apoio a esta candidatura,  pero tamén a todo o que significa a Ribeira Sacra, que combina todo ese patrimonio natural e histórico, que é importante defender de cara á futuras xeracións. Significa todo o que defendemos, e que eles tamén no futuro se sintan orgullosos de Galiza, de ser galegos, de vivir en Galiza.

O modelo de Galiza, sexa cal for, está moi relacionado cun debate de plena actualidade, como é o do financiamento.

O primeiro que pedimos é que o financiamento autonómico se negocie en igualdade entre todos os territorios. Se vamos repartir os cartos de todos, teremos que decidilo entre todos. E, por tanto, o que non nos parece xusto é que haxa reunións bilaterais para atender máis os socios de Goberno de Pedro Sánchez e para negociar a investidura de Illa en Catalunya e non atender os intereses xerais de todos.

Nos sempre defendemos que se ten que ter en conta as particularidades da Galiza, como é, por exemplo, o avellentamneto ou a dispersión poboacional. Son cuestións que consideramos prioritarias. É importante que financiamento autonómico se faga en base a prestar servizos de calidade e non a chantaxes políticas como estamos vendo que están facendo os independentistas ao Goberno de España. Por tanto, a prioridade é a igualdade mais tamén respectando a idiosincrasia de cada territorio. E a Galiza tenas, que son moi coñecidas desde sempre.

E insisto, o que non se pode é facer un mapa de financiamento autonómico en base a unha chantaxe política dos independentistas. Na Galiza non queremos máis que ninguén mais tampouco queremos ser menos.

Ao falar de financiamento tamén hai que falar de autogoberno. Aposta o PP por completar o estatuto, por ir aumentando competencias?

Ben. Sempre defendemos as competencias en cuestións fundamentais e que estas se defenden mellor dentro da proximidade ao territorio. Loxicamente, querémolas mais non queremos máis competencias se non veñen acompañadas do financiamento correspondente . O contraría sería un absurdo porque, ao final, se tes máis competencias pero non tes financiamento, non as podes exercer. Non vale de nada. Non vale de nada que nos dean a transferencia da AP-9 se esta non vén acompañada dos cartos para poder xestionala.

Despois das eleccións do 18-F continúan a desenvolverse mobilizacións sociais importantes, como na defensa da sanidade pública ou contra o proxecto de Altri. A respecto da primeira, que ten que dicir ante as denuncias de deterioro da Atención Primaria?

Por resumilo, o problema da sanidade é un problema estrutural de falta de médicos. De nada sirve pór en marcha medidas para mellorar a sanidade se despois non tes profesionais da medicina para atendela. O que pedimos é que o goberno de España poñe en marcha medidas para incrementar o número de profesionais da medicina, que é a súa competencia.As medidas que puxo en marcha a Galiza para paliar esa falta de médicos foran avaladas no Senado e no Congreso, foron medidas pioneiras e creativas. O Goberno de Sánchez está absolutamente afastado desta realidade, leva 6 ministros da sanidade e ningún puxo en marcha medidas que facilitase esa remuda xeracional.  E que está facendo a oposición? Pois o PSdeG e o BNG non apoian ningunha medida das que se poñen en marcha por parte do Goberno galego pro son os primeiros en criticar, os primeiros en se pór detrás da pancarta. O da sanidade non é un problema de cartos. Claro, eu entendo que para os partidos de oposición é máis fácil criticar que achegar solucións.

Tamén sobre o proxecto de Altri hai un cuestionamento a nivel social

Eu podo entender a preocupación lexítima e honesta da xente que pode ter unha dúbida de que un proxeto poida ser ou  acorde con co medio ambiente. Pero non é este o caso de Altri. Aquí hai detrás unha manipulación política extraordinaria.

Altri foi un proxecto apoiado no Parlamento polo BNG e o PSOE, que se pelexaban por levalo para A Mariña ou para As Pontes. Peleaxeaban por levar Altri aos territorios onde eles consideraban que electoralmente lles era máis rentábel. O 18 de febreiro perden as eleccións galegas e automaticamente buscan en Altri un elemento de arma política arreboladiza contra o goberno da Xunta e contra o PP. O BNG está contra Altri como antes estaba contra Alcoa ou a AP-9

Neste tema tanto o BNG como os seus satélites están manipulando. A Xunta non vai aprobar ningún proxecto que non cumpra a legalidade medioambiental, quen fai os informes son os técnicos, non os políticos.

Agardamos que impere o sentido común, porque estamos falando dun proxecto que xeraría moito emprego, que fixaría poboación non rural, e que, insisto, xeraría unha fibra textil que o liocel, que é unha alternativa medioambientalmente máis sostíbel que o téxtil. Por tanto, non se entende esta oposición tan frontal, agás cun interese absolutamente político partidista e electoralista. Creo que hai que facer un pouco máis política de adultos ou menos política de adolescentes.

Mencionaba antes da AP-9,  un tema no que o PP non tivo sempre a mesma posición, desde aquela prórroga de Aznar a reclamar agora a transferencia...

Sempre defendemos que a AP-9 é unha vía que conecta a Galiza de norte a sur e para nós é unha infraestrutura estratéxica e fundamental e defendemos que a xestione a Galiza, xestiónase mellor desde d Santiago que dende o Paseo da Castellana. Pero, eso si, a cesión ten que vir  acompañada dos fondos económicos precisos para xestionala.

 O que non pode ser que o goberno de España libere autopistas en Alicante e que á de Galiza nos diga sempre que non

Comentarios