Ana Pontón: "Temos que ter un estatuto que nos recoñeza como o que somos, unha nación"

Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG).
Ana pontón Arxina
photo_camera Ana Pontón (Foto: Arxina)

Como lembra o seu primeiro Día da Patria?

Recórdoo como un día moi emocionante. Eu ademais estaba na casa dunha amiga miña e quería ir a Compostela polo 25 de Xullo. Collemos un autobús, con compañeiros e compañeiras de Galiza Nova e do BNG. Debía de ter 17 anos. Sobre todo lembro esa emoción de ver tantísima xente reivindicando e sentindo o mesmo que sentía eu. Ves que hai un gran movemento político e social, que o BNG é unha gran organización,  que hai miles de persoas que teñen o mesmo sentimento pola Galiza. E iso daba moitísimos azos para seguir adiante. Recoñezo que o Día da Patria continúa a ser, un pouco como aquela primeira vez, un día moi especial, moi emotivo.

Chegamos a este 25 de Xullo co Goberno de Alfonso Rueda facendo os seus primeiros 100 días de Goberno. Que valoración fai deles?

Eu diría que é o balanzo non merece outro cualificativo que o de paupérrimo, case poderamos dicir que cutre. O que vemos é propaganda, publicidade, e as mesmas receitas fracasadas. Vemos como non se toma ningunha medida estrutural para solucionar os problemas que ten a sanidade pública, a vivenda, o ensino... Non hai un cambio real, non hai avance.

Comprobamos nestes 100 días como seguimos soportando un Goberno galego subordinado aos intereses de Madrid e ao servizos dos grandes lobbies económicos e das empresas amigas do Partido Popular. Polo tanto, o que vemos é un Goberno que repite receitas fracasadas e que non ten proxecto de país.

En vez de rectificar os erros destes anos profundiza nunha liña cada vez máis ao servicio do centralismo, á estratexia que mandan desde Génova [rúa onde ten a sede o PP español]. Vímolo estes días con debates sobre o financiamento.

E ás portas do 25-X, que mensaxe quere transmitir o BNG á sociedade galega?

Eu creo que o primeiro é unha mensaxe de optimismo e de esperanza. É certo que a veces os cambios tardan máis do que nos gostaría. Pero na Galiza hai un cambio que se viu con claridade nas pasadas eleccións galegas. Vamos a seguir nesa liña, traballando, escoitando, porque creo que estamos avanzando para que na Galiza se poda producir un cambio histórico.

Que por primeira vez o nacionalismo poda dirixir o futuro do país desde a Xunta. Creo que é a tarefa máis importante que temos por diante. E precisamente por iso nós desde o primeiro minuto temos moi claro que aquí hai unha alternativa para gobernar a Galiza. E traballamos nela a través dese ‘ Goberno alternativo’, co que facemos un seguimento e un control moi estrito. Ante cada crítica unha proposta e unha alternativa. A sociedade tamén está un pouco cansa da política unicamente como crítica.

E unha forza que queira ser alternativa ten que saber que propostas concretas quere levar adiante. Eu penso que aí temos tamén un reto moi importante, de seguir dialogando con diferentes axentes sociais. E seguir consolidando unha liña política que foi a que nos levou aquí. Unha liña que se inicia no ano 2016 que é unha liña decidida colectivamente. E que fai que hoxe o BNG estea mellor momento da súa historia.

Financiamento,un debate aberto con importantes implicacións. Que se xoga a Galiza?

Este é realmente un dos temas importantes que nos vai afectar de maneira importante. Porque o financiamento é cantos recursos temos para a sanidade, para a educación ou  para a lei de dependencia. Se o Estado Español di que quere ser un Estado descentralizado iso tamén se ten que plasmar na recadación. Agora mesma o que temos é un sistema hipercentralista no que Madrid recada todos os impostos; que actúa con opacidade e que ademais ten infrafinanciadas as comunidades. E neste sentido o informe do Consello de Contas é moi claro: a Galiza ten un burato no seu financiamento de mais de mil millóns de euros anuais. Entón, nós o que temos que reclamar é un concerto económico que nos permita ter a chave dos nosos cartos e tomar nosas propias decisións.

Este é o debate que se está abrindo no Estado a Galiza como nacionalidade histórica non pode quedar discriminada. Porque ademais é falso que nos non teñamos os recursos suficientes para poder manter os nosos servizos públicos, é falso que que a Galiza sexa deficitaria.

E éo?

O sistema de financiamento da Galiza basicamente que é? 50% do IRPF, 50% do IVE e algúns impostos menores. O imposto de sociedades, por exemplo, que é un imposto que está centralizado e que se queda o Estado con el, no seu último ano na Galiza recadou máis de 1.700 millóns de euros. Po tanto, como que somos deficitarios? É que isto é unha broma de mal gusto. Que pasa? Que aquí temos un PP que o que está defendendo son os intereses de Madrid. Rueda non está defendendo os intereses de Galiza no financiamento. Está defendendo os intereses do centralismo e de Madrid.

Ligado con este hai outro debate, sempre presente aínda que non o pareza, que é o territorial. Tamén aquí, que se xoga a Galiza?

Eu creo que o mínimo de mínimos é que cumpran o estatuto que hai. Porque 40 anos despois da súa aprobación continúa sen cumprise en temas tan importantes como a creación dunha policía propia. Temos detectado máis de trinta ámbitos competenciais que deberiamos ter.
O estatuto, e iso sempre o dixemos, é un traxe que se lle queda pequeno a este país. E 40 anos despois creo que temos que aspirar a un novo estatuto que nos recoñeza como que somos, como nación, que nos dea máis capacidade para poder decidir sobre as cuestións básicas da nosa economía, das nosas infraestruturas.

Creo que estamos nun momento no que a pulsión política do Estado español pasa necesariamente polas nacións sen Estado. E os cambios a positivo no Estado español  van vir porque se impulsan desde eses ámbitos. Estamos vendo que as forzas centralistas, as de dereita mais tamén as de esquerda, tampouco queren mover o marco. Queren manter o actual status quo. E o único movemento que está cuestionando o actual status quo e os grandes grupos económicos que se benefician del son as forxas nacionalistas. E creo que a esperanza democratizadora, de avance e de progreso no Estado español está precisamente no que representamos as nacións sen Estado.

O BNG logrou un resultado histórico o 18 de febreiro e con moitos apoios alén do nacionalismo. Que lectura fai?

Creo que rachamos unha especie de mito que identifica o BNG cun sector moi pequeno da sociedade, que pensa que o nacionalismo non ten capacidade de crecemento. E eu sempre o dixen, na Galiza hai unha ampla pulsión de país, moita xente que se sente galega. Pero iso moitas veces non se traduce politicamente. E o gran reto que nós temos é que todas esas persoas que se senten galegas, que aman este país, que queren defender os seus intereses, vexan que a forza que mellor os representa é o BNG. E eu creo que temos moita capacidade de crecemento.

Tamén iso vai depender das decisións políticas que tomemos como organización. Se queremos ampliar o espazo do nacionalismo, se queremos ser unha forza hexemónica neste país, temos que ser quen de atraer máis segmentos sociais. Creo que é un gran reto. Creo que estamos nun momento en que podemos conseguilo. 

Cal cre que van ser os grandes temas do curso político á volta do verán?

Creo que vai haber tres cuestións que van ser básicas. A primeira, a do financiamento. Aí temos que estar cunha posición de forza, de ambición de país para evitar que a Galiza volva a perder. Cando analizamos os reformas do sistema de financiamento do Estado Español, en todas Galiza perdeu, saímos peor paradas.

Outra cuestión chave vai ser a defensa dos servizos públicos.  Porque nos temos aquí unha sanidade que sigue cun problema estrutural, sufrindo recortes de 15 anos do Partido Popular. E que isto afecta o máis importante que a vida das persoas.

E hai un terceiro tema que na Galiza vai ser fundamental, o da defensa do territorio fronte á depredación de grandes multinacionais. E aí está o caso de Altri.  Esta vai ser unha batalla política de primeiro nivel, onde non só ten responsabilidades o PP, tamén o PSdeG.

Comentarios