O BNG de Vigo denuncia que Abel Caballero elimina o acto institucional do Concello polo 25 de xullo

A fronte nacionalista critica a decisión “sectaria” do alcalde cun evento que se leva celebrando máis de dúas décadas na cidade "e que en 2023 tampouco se realizou".

Vista da cidade de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vista da cidade de Vigo. (Foto: Nós Diario)

O BNG de Vigo denunciou esta cuarta feira que o Goberno de Abel Caballero "vén de eliminar o acto institucional do Concello de Vigo co gallo do Día Nacional de Galiza". A fronte nacionalista critica a decisión “sectaria” do alcalde cun evento que se leva celebrando máis de dúas décadas na cidade “e que xa en 2023 deixou sen realizar sen xustificación despois de adialo ao mes de setembro”.

“E vemos como este 2024 directamente o alcalde fai como se o acto nunca existise, sen tan sequera informar á Xunta de Portavoces con clara aleivosía e clandestinidade”, afeou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen considerou que esta decisión “non é casual nin gratuíta” e supón un paso máis na deriva de Caballero de “querer erixirse no verdadeiro campión do españolismo e da galegofobia” en Vigo.

Cuestionado

Igrexas cuestionou que o rexedor se negue a conmemorar cun acto institucional o 25 de xullo, unha data na que asegurou se celebra o “orgullo de sermos galegas e galegos e a nosa identidade como pobo e nación” na maior urbe galega. “O alcalde non acaba de entender que os actos institucionais do Concello non son do seu Goberno senón de toda a cidade”, reprochou.

O portavoz municipal nacionalista reivindicou pola contra o firme compromiso e determinación do BNG en favor de que Vigo exerza o papel que lle corresponde como primeira cidade do país “fronte a quen insiste en illarnos, empequenecernos e amurallarnos nunha especie de cidade-estado medieval á altura do seu luminoso emperador”.

Nese sentido, Igrexas chamou a que a cidade volva ser o potente pulmón industrial e produtivo de Galiza e a capital galega da innovación e da tecnoloxía. “A capital galega do futuro e, sobre todo, o verdadeiro motor dunha nova Galiza”, remachou.

Comentarios