Unanimidade no pleno de Pontevedra para pedir a anulación da prórroga da AP-9

O Concello pontevedrés instará o Goberno estatal a transferir a autoestrada á Galiza

'Nó de bombeiros', na AP-9 ao seu paso por Pontevedra. (Foto: Goberno español)
photo_camera 'Nó de bombeiros', na AP-9 ao seu paso por Pontevedra. (Foto: Goberno español)

O Teatro Principal acolleu esta segunda feira a sesión ordinaria do mes de xullo do Pleno da Corporación municipal de Pontevedra, que estivo marcada pola unanimidade de todos os grupos á hora de abordar a maioría dos asuntos incluídos na orde do día, entre eles, solicitar ao Goberno estatal a anulación da prórroga da AP-9.

A excepción a este clima de consenso produciuse coa moción do grupo municipal do PP na que instaban o Goberno local a que deseñe un plan para mellorar o transporte público ao novo hospital Montecelo, estudando a posibilidade de implantar buses lanzadeira gratuítos e creando un grupo de traballo para "adaptar e perfeccionar" este sistema.

O portavoz do PP, Rafa Domínguez, advertiu de que haberá un "problema grave" de aparcamento cando entre en funcionamento o novo hospital, ao que chegarán máis profesionais e máis pacientes que agora, e as prazas de estacionamento previstas, segundo sostivo, "non son suficientes".

O grupo municipal do PSOE apoiou a iniciativa aínda que con críticas aos populares polo número de prazas de aparcamento "abusivamente de pago" do novo hospital, 1.172 fronte ás 781 que serán gratis.

O concelleiro do BNG César Mosqueira lembrou que o Concello de Pontevedra xa pediu "por activa e por pasiva" que se reservase máis espazo para estacionamento, polo que non acepta que "agora veña de rebote este problema" e tamén asegurou que o transporte público de Pontevedra está deseñado por expertos "e está a funcionar moi ben", co que xustificou o voto en contra dos nacionalistas a esta moción.

Unanimidade

Entre os asuntos nos que os tres grupos políticos (BNG, PP e PSOE) estiveron de acordo figura a iniciativa defendida polo BNG para instar o Goberno do Estado a anular a prórroga da autoestrada AP-9, a transferila á Galiza libre de peaxe e a impulsar un estudo "fiábel e serio" sobre o procedemento legal e os custos deste rescate.

Tamén houbo acordo para apoiar a moción do PP para exixir ao Goberno municipal que redacte e aprobe o Plan de Igualdade para o persoal do Concello de Pontevedra.

Por unanimidade tamén saíron adiante as dúas mocións presentadas polo PSOE, unha para instar Educación a que revise de maneira "prioritaria e urxente" o nivel de gas radon nos colexios; e outra para que as festas de Pontevedra sexan máis inclusivas.

Comentarios