A Xunta encarga un estudo para cuantificar o traspaso da AP-9 e desconfía das cifras de Puente

A conselleira Martínez Allegue afea a "falta de transparencia" e exixe "seriedade, transparencia e obxectividade" ao ministro e que explique "de onde saca eses cálculos".
Ponte de Rande, en Vigo, por onde discorre parte da AP-9. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ponte de Rande, en Vigo, por onde discorre parte da AP-9. (Foto: Nós Diario)

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou este domingo que a Xunta da Galiza xa encargou un estudo para cifrar o traspaso da autoestrada AP-9 e conta con que estará listo "nun mes ou dous". Nunha entrevista na Radio Galega, a conselleira explicou que co estudo buscan "comprobar a fiabilidade" da contía anunciada polo ministro de Transportes, Óscar Puente, que elevou até os 6.000 millóns de euros.

"Tan cedo como teñamos ese estudo contrastaremos a viabilidade ou a fiabilidade desa cifra que di o ministro. Cando soben dun día para outro en 2.000 millóns, é claro que non parece que estea baseado en estudos", criticou, en relación a unha contía da que o propio Puente admitiu que o seu Ministerio non dispón.

Martínez Allegue incidiu en que, con esa "oscilación" entre cifras, "parece que o ministro confunde o rescate coa transferencia". Neste sentido, apuntou que a Xunta exixe "seriedade, transparencia e obxectividade" e que Puente explique "de onde saca eses cálculos". "Non existe a transparencia debida para determinar o custo da trasferencia", esgrimiu.

A titular galega de Infraestruturas cargou contra os partidos da oposición, PSdeG e BNG, xa que "os compromisos" que se alcanzan en campaña ou se asinan para permitir a investidura do actual presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, "tamén deben exixirse polas forzas políticas que así o consignaron".

Vivenda

Por outra parte, en materia de vivenda, Allegue avanzou que esta segunda feira o Goberno galego, aproveitando a súa reunión semanal, publicará unha liña de axudas para promotores e cooperativistas para a construción de vivenda protexida en réxime de aluguer.

A esta iniciativa poderán acollerse arredor de 350 vivendas, segundo detallou a conselleira, de nova construción ou para rehabilitación. O prazo de solicitude estará aberto até finais de outubro.

Noutra orde de asuntos, Martínez Allegue lembrou a reunión que mantivo hai uns meses coa ministra española de Vivenda, Isabel Rodríguez, á que lle preguntou sobre a "discriminación" da Galiza no 'Proxecto Viena' da Sareb. Mais a ministra, dixo, non lle contestou. Por iso, subliñou que esta mesma semana remitiu unha nova carta sobre o mesmo tema ao Ministerio.

Comentarios