Puente arrefría as expectativas sobre a AP-9: "O rescate e a transferencia custarían 6.000 millóns, e non os temos"

"Para pedir apuntámonos todos. Pero temos que ser conscientes de cales son as consecuencias da petición e, a partir de aí, pois que saque cada un as súas conclusións", sentencia o ministro.
O ministro Óscar Puente, esta sexta feira, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera O ministro Óscar Puente, esta sexta feira, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O ministro de Transportes, Óscar Puente, elevou esta sexta feira até os 6.000 millóns de euros o custo de transferir e rescatar a concesión da Autoestrada do Atlántico (AP-9), á vez que advertiu que o departamento que el dirixe "non dispón" deses recursos para afrontar o rescate. A preguntas dos medios en Lugo, o ministro recalcou que transferir as competencias tería un custo de entre 1.260 e 2.600 millóns de euros, mentres que cifrou en 4.000 millóns o rescate da concesión, a día de hoxe en mans de Audasa.

"Desde logo o Ministerio de Transportes non ten máis de 6.000 millóns para afrontar o rescate. Pero, en fin, se alguén pon o diñeiro e di de onde sae, nós encantados de rescatala e de transferila", sentenciou, nun acto no que, entre outros, estivo presente o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen na campaña das últimas eleccións galegas prometeu a gratuidade da vía.

Dito isto, o ministro remarcou que "os custos son eses" e que é "importante" telo en conta, na mesma semana na que o Congreso aprobou tramitar a iniciativa lexislativa que partiu por unanimidade da Cámara galega para o traspaso dunha vía estratéxica para o país. "Porque para pedir, ben, apuntámonos todos. Pero temos que ser conscientes de cales son as consecuencias da petición e, a partir de aí, pois que saque cada un as súas conclusións", resolveu.

O PSdeG non parará "até que sexa gratis"

No acto estaba tamén a secretaria xeral de Transportes do PSdeG e deputada no Congreso, Patricia Otero, quen, após a abstención do PSOE no debate dunha moción na pasada xornada, afeou que foron populares e nacionalistas quen tardaron "unhas horiñas" en "descolgarse" da iniciativa que saíu da Galiza para o traspaso da AP-9 e que iniciou a tramitación no Congreso.

"Fan que discuten, pero pactan en Madrid, non para beneficiar aos galegos, senón para confrontar co Goberno e confundir á cidadanía", reprobou, antes de advertir: "Os que se opuñan frontalmente á construción da AP-9 [en alusión ao BNG], e os que regalaron a concesión durante máis de 25 anos [o PP] queren converterse nos defensores sen concesións desta infraestrutura".

A continuación, advertiu que o que "realmente" interesa aos galegos e galegas é que "se sigan rebaixando as peaxes da AP-9", e reafirmouse en que os socialistas "non pararán de traballar até alcanzar a gratuidade" da infraestrutura.

"Vemos ben a transferencia da AP-9,pero vemos aínda mellor que se sigan rebaixando as peaxes e que poidamos chegar a circular por esta infraestrutura a cero euros. É a liña de traballo do Goberno presidido por Pedro Sánchez, que puxo enriba da mesa e aplicou unhas bonificacións históricas", reivindicou.

En fronte, afeou que tanto PP como BNG mantiveron a súa "oposición" ás citadas bonificacións ao votar "en contra dos Orzamentos Xerais de 2021, nos que se incluíron por primeira vez".

Comentarios