Luz verde: o Congreso acepta a trámite a proposta do Parlamento para transferir a AP-9 á Galiza

O Congreso dos Deputados tomou esta terza feira en consideración unha proposición de lei unánime do Parlamento galgo que reclama a transferencia á Galiza da xestión da AP-9, cos votos favorábeis de todas as formacións da Cámara Baixa agás Vox, que alegou que a proposta puña en risco a rede viaria estatal.

Ana Pontón, Francina Armengol, Alberto Pazos e Gómez Besteiro, esta terza feira, no Congreso dos Deputados. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, Francina Armengol, Alberto Pazos e José Ramón Gómez Besteiro, esta terza feira, no Congreso dos Deputados. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A solicitude de transferencia á Galiza da AP-9 volveu esta terza feira á Cámara Baixa. A demanda unánime do Parlamento galego chegou por quinta vez ao Congreso dos Deputados tras varias tentativas anteriores que fracasaron. As tres primeiras peticións formalizáronse ao longo de 2016 e 2017 e ningunha delas foi sometida a debate do pleno da Cámara Baixa ao vetar a súa tramitación a Mesa do Congreso, coa maioría do Partido Popular e de Ciudadanos e presidida pola deputada popular por Pontevedra, Ana Pastor.

A petición da Cámara galega de 2021 tampouco chegou a bo porto. Malia que neste caso a demanda do Parlamento da Galiza foi admitida a trámite polo Congreso dos Deputados -coa negativa da formación ultraespañolista Vox-, a proposta decaeu en maio de 2023 tras disolverse as Cortes Xerais como consecuencia da convocatoria electoral. Nesta ocasión, os atrasos na tramitación da iniciativa que xeraron a súa caducidade debéronse á postura mantida polo Partido Socialista que adiou de modo reiterado a aprobación da iniciativa.

O acontecido en anteriores ocasións en Madrid coa transferencia da AP-9 marcou esta terza feira as intervencións dos representantes do Parlamento da Galiza perante a Cámara Baixa española: o voceiro do grupo parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

Pazos sinalou que “o que pedimos é que non se engane aos galegos. Se realmente hai vontade de que a AP-9 sexa transferida á Galiza, que se actúe en consecuencia, porque cremos que se poden alixeirar os trámites e facelo antes de que se produza unha nova convocatoria electoral".

A quinta vez

"Estamos en 2024 e estou nesta tribuna porque Galiza pide por quinta vez a transferencia da AP-9; a pregunta é: será esta a definitiva ou van seguir burlándose da cidadanía galega", sinalou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que denunciou a alternancia "na discriminación a Galiza" das forzas de obediencia estatal, porque as "escusas que antes usaba o Partido Popular, agora repíteas sen rubor o Partido Socialista".

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gómez Besteiro, lamentou que nas anteriores ocasións que o debate sobre a AP-9 chegou á Cámara Baixa “o PP votaba cunha man e vetaba coa outra”. Ao tempo, culpou os populares de que Autoestrada do Atlántico sexa unha vía de pago, asegurando que “se non fose porque Aznar prorrogou a concesión até 2048, hoxe a AP-9 estaría libre de peaxes”.  

Pazos Couñago defendeu a transferencia da AP-9 afirmando que "nós o que queremos é que os galegos poidan esperar as condicións que se nos prometeron antes das eleccións, unha AP-9 que sexa 100% galega e 100% gratuíta. E iso é o que imos pedir hoxe, e que haxa unha lixeireza tamén na tramitación para que non pase o que pasou na lexislatura pasada". Nesta dirección, lembrou que a cidadanía galega leva "moitos anos esperando a transferencia" desta vía "estratéxica".

A portavoz nacionalista, Ana Pontón, rebateu os argumentos empregados para rexeitar a transferencia da Autoestrada do Atlántico, apuntando que "se negan alegando que se trata dunha vía con conexión internacional, pero é falso porque a conexión con Portugal é a través da autovía A-55”. Na mesma liña, denunciou que “non tiveron ningún problema en rescatar as radiais madrileñas con miles de millóns de euros, claro que coas radiais madrileñas a petición viña da gran banca e das grandes construtoras e coa AP-9 a petición vén do pobo galego”.

Besteiro apostou por “defender a gratuidade e o traspaso” da AP-9. Nesta dirección, referiuse ás bonificacións para os usuarios da autoestrada que “hoxe son do 50 %, pero o fundamental é que sexan do 100%” e destacou que “o Goberno está comprometido a facelo e a bonificación incrementarase até 75% e despois traballaremos para chegar a esa gratuidade de 100%”.

A iniciativa saíu aprobada cos votos a favor de todos os grupos da Cámara e a oposición de Vox. A deputada desta formación, Carina Mejías, a única persoa non galega que interveu no debate, xustificou a negativa do seu partido asegurando que o traspaso da vía á Galiza puña en risco a unidade da rede viaria estatal. 

O rescate da concesión

A proposición de lei sobre a transferencia  da AP-9 chegou ao Congreso cando a Comisión Europea está a tramitar un expediente sancionador contra o Estado español pola prórroga concedida polo Executivo de Aznar no ano 2000 a Audasa para continuar coa explotación da AP-9 até 2048 e reclama o remate da concesión. Neste sentido, Pazos, Pontón e Besteiro referíronse ao procedemento nas súas intervencións o mesmo día que na Cámara Baixa o deputado do BNG, Néstor Rego, presentaba unha iniciativa para reclamar o rescate da súa concesión.

A proposta de Rego, que se votará na sesión da quinta feira, demanda “anular a prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9 que deu inicio o 18 de agosto de 2023” e “realizar de forma inmediata un estudo en que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga da concesión da Autoestrada do Atlántico e sexan avaliados os custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da A-P9”. A este respecto, o deputado nacionalista demandou que “se poña fin á estafa legalizada que implican as peaxes da Autoestrada do Atlántico, unha demanda socialmente xusta e que se axusta á legalidade vixente”.

O traspaso do viario non ten garantido o éxito malia o resultado da votación

O acordo do Congreso dos Deputados de aceptar a trámite a proposición de lei do Parlamento da Galiza que reclama a transferencia da AP-9 abre a porta a un longo procedemento que non ten garantido o éxito. Neste liña, hai dúas semanas o ministro de Transportes, Óscar Puente, sinalaba en relación coa Autoestrada do Atlántico que “a súa configuración faina claramente candidata a ser de titularidade estatal”.

As palabras de Puente pairaron sobre o debate, onde estivo ausente Alberto Núñez Feixoo. Así, o deputado popular e antigo conselleiro de Economía, Francisco Conde, acusou o Executivo español de bloquear a transferencia da Autoestrada do Atlántico e criticou a complicidade do BNG con esta postura. Pola súa banda, a parlamentaria socialista, Obdulia Taboadela defendeu a xestión dos socialistas en relación coa vía e cargou contra o Goberno de Aznar e os nacionalistas.

O deputado galego de Sumar Manuel Lago cualificou de “escándalo” que Galiza sexa unha das poucas comunidades autónomas que teña que seguir pagando peaxes á volta de 2048 e criticou o sistema de bonificacións aplicado polo Executivo para reducir os custos aos usuarios porque “é un negocio redondo” para a concesionaria. Ao tempo, o deputado do BNG, Néstor Rego, denunciou a “inmensa hipocrisía das forzas do bipartidismo estatal que votan no Parlamento galego iniciativas do BNG porque saben que a cidadanía os castigaría políticamente se non o fixesen e despois manobran en Madrid para que non saian adiante”.

Comentarios