As formacións galegas demandan a transferencia da autoestrada AP-9

O ministro de Transportes afirmou que non ve "factíbel" o traspaso.
A autoestrada AP-9 ao seu paso por Tui. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A autoestrada AP-9 ao seu paso por Tui. (Foto: Nós Diario)

A recente visita do ministro de Transportes á Galiza, Óscar Puente, e as súas declaracións arredor do reivindicado traspaso da AP-9 polo Parlamento da Galiza, afirmando que "non é sinxelo" e que o ve pouco factíbel, deixou esta segunda feira un regueiro de postulados e demandas dos partidos na Galiza. Populares, nacionalistas e socialistas coincidiron esta segunda en que van seguir traballando polo traspaso á Galiza desta infraestrutura fundamental para o país.

Rueda dixo que a Xunta “seguirá insistindo" e avanzou que aproveitará a reunión que ten solicitada co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, para trasladarlle “que o seu candidato comprometeu a gratuidade e que todas as forzas políticas galegas apoian e apoiarán o traspaso da AP-9 cando se volte a debater no Congreso”.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, cualificou esta segunda feira de “desafortunadas” as palabras do ministro de Transportes. Pontón criticou que os argumentos de Puente -a carestía que dixo tería o traspaso e o seu carácter transfronteirizo- son “asuntos xa superados” e instou o PSOE a cumprir o acordo de investidura ao que chegou hai uns meses co BNG. Tamén lle lembrou Pontón ao ministro que a conexión da AP-9 con Portugal “faise en territorio galego coa A-55”, e lamentou que o ministro non coñecera este extremo.

Interpelado esta segunda feira sobre este asunto, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, coincidiu con Óscar Puente en que a cuestión “non é sinxela” pero recoñeceu que “a inmensa maioría dos galegos apostan claramente pola gratuidade e polo traspaso da Ap-9 á Galiza”.

Aliás, a corporación municipal de Pontevedra aprobou por unanimidade esta segunda feira reclamar a gratuidade da A-57 ao seu paso polas localidades de Bora e Xeve.

Comentarios