O BNG censura que Puente "perde toda a credibilidade" sobre a AP-9 ao aumentar agora en 2.000 millóns o custo do rescate

Pontón require ao Goberno que faga público o rescate das autoestradas radiais madrileñas, para o que "non se pon ningunha pega" en gasto, mentres que para a AP-9 só hai "paus nas rodas".
Néstor Rego e Ana Pontón, esta sexta feira, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Néstor Rego e Ana Pontón, esta sexta feira, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou esta sexta feira que "a credibilidade" do Goberno estatal e do ministro de Transportes, Óscar Puente, "está en dúbida" no que atinxe aos compromisos sobre a AP-9, despois de que o ministro elevase a 6.000 millóns o custo de transferir á Galiza a autoestrada e rescatar a concesión da autoestrada e advertise que o seu departamento "non dispón" deses cartos.

Pontón censurou que, con estas palabras, "perde toda a credibilidade cando hai 15 días dicía 4.000 [millóns] e hoxe, por maxia, xa se converten en 6.000". "A sensación que dá é que está a debilitar a propia posición negociadora do Estado á hora do rescate da AP-9, porque máis que defender o interese xeral, pode parecer que está a defender os intereses de Audasa", recriminou a nacionalista, que chama a acabar con "unhas peaxes que son un auténtico abuso" para as galegas e galegos.

Despois de que hai uns días o ministro cifrase en 4.000 millóns o custo do rescate da concesión, a día de hoxe en mans de Audasa, Puente sinalou agora, en declaracións aos medios desde Lugo, que a operación tería un custo engadido de entre 1.260 e 2.600 millóns de euros no tocante a transferir as competencias.

A preguntas sobre estas declaracións, Pontón carga contra a "credibilidade" do ministro "cando en 15 días incrementa en 2.000 millóns" os custos desta operación, á vez que avisa de que "en política hai que ser serios". Igualmente, cualifica de "falso" que o Goberno diga que esta vía conecta con Portugal cando discorre integramente por territorio galego. "O que ten que facer o Goberno é porse a traballar para que haxa ese rescate da AP-9 e deixarse de escusas", dixo a líder do Bloque.

Así mesmo, emprazou o Goberno a facer públicos "eses informes secretos" que "só coñece o ministro". Insta a Xunta e Executivo español a que cumpran os mandatos parlamentarios para que se fagan sendo informes sobre os custos do rescate. E lembra que as propias institucións europeas están a pedir que se faga "no momento que din que a concesión que o PP lle fixo a Audasa de 25 anos é ilegal".

A continuación, Ana Pontón requiriu ao Goberno que faga público o rescate das autoestradas radiais madrileñas, para o que "non se pon ningunha pega" en gasto, mentres que para a AP-9 só hai "paus nas rodas", segundo lamenta, "única e exclusivamente porque é o pobo galego quen o fai". "O resto son ganas de negarlle á Galiza o que lle corresponde e de perpetuar a discriminación dos galegos", reproba.

Respecto diso, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, espetou que "aquí é onde se demostra a seriedade e rigor coa que o ministro aborda esta cuestión". Pide "un pouco de seriedade", pois "é o mínimo que se lle pode pedir ao Goberno nesta materia". Así mesmo, incide en que "fai falta un estudo" sobre os custos reais.

Reproches á abstención do PSOE

Todo iso nunha semana na que o Congreso aprobou iniciar a tramitación dunha proposición de lei do Parlamento galego para a transferencia da autoestrada, á vez que se deu luz verde a unha moción do BNG para suprimir as peaxes na autoestrada e anular a concesión da estrada a Audasa até 2048, "dous pasos adiante que son importantes", defendeu Pontón.

Precisamente, esa moción do BNG, apoiada polos populares, saíu adiante coa abstención do Partido Socialista —a pesar de que unha iniciativa similar fora apoiada previamente polos socialistas no Parlamento galego—. Pontón acusou as forzas estatais de "alternarse na discriminación" á Galiza, pois cando o PP gobernaba en Madrid vetaba o debate no Congreso e o rescate, mentres que agora o PSOE "repite o modus operandi do PP", dado que "se negou a apoiar" unha moción que si apoiou na Galiza.

Pontón require aos socialistas explicar "por que o Partido Socialista vota unha cousa na Galiza e non a apoia en Madrid". Tamén advirte que a Xunta ten que facer os seus "deberes" e axilizar o informe no que se calculen os custos do rescate da AP-9 para "aclarar ben" cando se fala das cifras, pois os datos achegados polo Goberno "non son un cálculo real". Sinala que debe seguirse a lei de contratos para calcular con base a beneficios da empresa e non de recadación. "Non imos permitir que á Galiza se lle dea un trato de segunda", subliñou.

Pola súa parte, Néstor Rego resaltou que o PP votou a favor da moción do Bloque para "rectificar" o "erro" da prórroga "ilegal" que no seu día concedeu o Goberno de José María Aznar até 2048. Tamén afeou o cambio de postura dos socialistas entre Galiza e Madrid, a pesar de que o contido do texto "é literal". Ademais destes dous acordos "realmente frutíferos", ironizou con que houbo un terceiro que pasa "polo milagre do PP" de utilizar o galego nestes debates na Cámara Baixa, a pesar de que "votou en contra de que se puidese utilizar o galego no Congreso".

Vía de urxencia

O BNG reclamará que se tramite por vía de urxencia no Congreso a transferencia á Galiza da AP-9, para "evitar que poida quedar en papel mollado" como en anteriores ocasións, á vez que emprazará os partidos galegos a non presentar emendas para maior axilización. Tamén exixe que non haxa unha "nova burla" aos galegos, posto que "as forzas estatais deben respectar o que se vota na Galiza" e "deixar de boicotear" desde Madrid.

Na anterior lexislatura deixouse que "durmise nun caixón", con 15 semanas para pechar o prazo de presentación de emendas, unido a "eternizar" o relatorio, o que achaca a unha "corresponsabilidade" de PP e PSOE. En cambio, agora búscase que se faga "en tempo récord" para atender o "clamor maioritario na sociedade galega".

Comentarios