Parlamento

O PP rexeita investigar a prórroga da concesión da AP-9 outorgada por Aznar no ano 2000

Os populares defenden a legalidade e a "coherencia" da concesión.
Peaxe AP-9 (Arxina).
photo_camera Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Arxina).

O Parlamento da Galiza non investigará finalmente a prorroga concedida no ano 2000 polo Executivo popular de José María Aznar a Audasa e que permite á empresa continuar coa súa explotación até 2048. 

Así o sinalou esta sexta feira o voceiro do Partido Popular na Cámara galega, Alberto Pazos Couñago, quen cargou contra esta proposta do BNG e defendeu a decisión do Goberno de Aznar, obxecto actualmente dun procedemento sancionador por parte da Comisión Europea (CE).

Pazos rexeitou a proposta dos nacionalistas por considerala un "disparate”. Nesta dirección, afirmou que o BNG perdeu "por completo o sentido da realidade" e converteuse "nunha fábrica de esparexer fume" por enriba de temas que "de verdade preocupan ás galegas".

Na mesma liña, defendeu a "coherencia" e a legalidade da prórroga da concesión aprobada polo Executivo de Aznar porque "no seu momento" fíxose "con todos os informes pertinentes dos distintos organismos do Estado".

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, non quixo adiantar a postura do seu grupo en relación coa iniciativa do BNG, mais ironizou coa demanda. Neste sentido, asegurou que o procedemento aberto pola CE é "absolutamente transparente". Ao tempo, indicou que "a constancia que hai a día de hoxe é que, o Goberno de Aznar, a xuízo da CE, actuou ilegalmente”.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu onte na necesidade da comisión de investigación parlamentaria. Pontón demandou “que non se vote en contra da Galiza porque as galegas e os galegos teñen dereito a saber por que se privatizou a autoestrada AP-9 e que ilegalidades se puideron cometer, porque os datos que imos coñecendo son un auténtico escándalo".

Comentarios