Sánchez Izquierdo fala de "contas saneadas" na CRTVG e a oposición denuncia "recortes"

O director xeral do ente público limita a "minorías incómodas" as protestas na corporación.
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha recente comparecencia no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)
photo_camera O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha recente comparecencia no Parlamento da Galiza. (Foto: Arxina)

O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, reivindicou esta sexta feira no Parlamento da Galiza as contas "saneadas" de 2023, que foi o 15º ano consecutivo no que o ente público obtivo superávit, neste caso de 2,1 millóns de euros.

Así o manifestou Izquierdo ao comparecer na comisión permanente de control á CRTVG da Cámara galega, para presentar o balance económico correspondente ao ano pasado. Auditores independentes déronlle unha conclusión "positiva" ás contas, algo que é, subliñou, froito dunha xestión que se iniciou coa súa chegada á Dirección. O director insistiu en que ten unhas contas "saneadas" e unha contorna laboral "normalizada" despois de case 15 anos á fronte.

Malia recoñecer que hai "minorías incómodas" entre o persoal, desmentiu que haxa este ambiente de traballo na radio e na televisión públicas. 

Algo "non cadra"

A exposición do director xeral, porén, non convenceu a oposición. A deputada do BNG Alexandra Fernández enmarcou o balance feito por Sánchez Izquierdo nun "probábel" final da súa etapa á fronte da CRTVG, durante a cal desenvolveu unha "estratexia sostida para facer máis pequena a Corporación". Máis aló do "recorte do cadro de persoal", de 996 persoas en 2009 a 833 agora, a nacionalista mencionou a eliminación das desconexións territoriais e a "diminución das producións propias".

Por parte do PSdeG, a deputada Silvia Longueira non entrou a discutir os datos financeiros da CRTVG, mais estes "non lle cadran" co que "está a ocorrer" entre o persoal co movemento 'Defende a Galega' e a campaña dos 'Venres Negros'. Para a socialista, isto é consecuencia da  manipulación e a "parcialidade" informativa do ente.

Comentarios