A CRTVG xustifica a súa "escasa" cobertura da protesta contra Altri

O BNG minutou en 44 segundos o tempo dedicado. A TVG recolleu declaración das convocantes mais non as emitiu
boa tvg
photo_camera A TVG recolleu declaración das convocantes mais non as emitiu (Foto: Ecos da Comarca)

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu esta exta feira a cobertura que a radio e televisión galegas fixeron o pasado domingo, 26 de maio, da multitudinaria manifestación contra a celulosa de Altri que reuniu 20.000 persoas en Palas de Reis.

Unha cobertura que, criticada estes días por profesionais da cadea como Defende A Galega, chegou esta sexta feira ao Parlamento a través dunha pregunta do BNG.

A deputada nacionalista Olalla Rodil  minutou en 44 segundos o tempo que o telexornal dese domingo dedicou a unha manifestación "histórica". A Radio Galega, afirmou, non informou en absoluto. 44 segundos cunha voz en off e sen incluír declaracións de participantes nin organizadores, malia que a CRTVG recollera esas opinións durante a mobilización, indicou Olalla Rodil.

"Ningunha opinión, ningunha valoración, ningún testemuño nin de convocantes nin de manifestantes", criticou. As declaracións políticas sobre este acto relegáronse ao bloque electoral da campaña do 9-X no telexornal. Porén, ao día seguinte da multitudinaria manifestación, acrecentou, houbo "unha entrevista na Radio Galega de 13 minutos e medio a Bruno Dapena, director do Proxecto Gama —nome da iniciativa para instalar unha celulosa na Ulloa—".

Sánchez Izquierdo cualificou a cobertura do tema de Altri como unha mostra de "pluralidade" da CRTVG e lamentou que na manifestación de Palas de Rei dese domingo houbera "berros moi tensos contra a CRTVG", enmarcándoos nunha "confrontación" do BNG coa radio e televisión públicas. 

Na comparecencia no Parlamento, Sánchez Izquierdo tamén tivo que responder a unha pregunta de Silvia Longueira (PSdeG) sobre o que cualificou como “persecución ideolóxica” da dirección da CRTVG contra os traballadores e as traballadoras do ente.

O director xeral negou tal represión e cifrou en apenas "40 persoas desacougadas" nun cadro de persoal de 1.000 as que participan nas protestas contra a compañía no marco dos 'Venres Negros'.

Comentarios