Ulloa Viva cualifica de "falta de respecto" que Rueda chame "satélite" a esta entidade

A Asociación Galega de Albergues Privados -que representa a máis de 35% dos albergues da Galiza- mostrou a súa "profunda preocupación" sobre o proxecto de Altri.
Manifestación en Palas de Rei contra o proxecto de Altri na Ulloa o pasado domingo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación en Palas de Rei contra o proxecto de Altri na Ulloa o pasado domingo. (Foto: Nós Diario).

A Plataforma Ulloa Viva cualifica de "falta de respecto" cara ás persoas asistentes á manifestación contra o proxecto de Altri, decorrida o pasado domingo en Palas de Rei (A Ulloa), que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, teña chamado "satélite" a esta entidade.

Nun comunicado, pide respecto para "as máis de 20.000 persoas chegadas de todo o territorio galego que encheron as rúas de Palas de Rei coas súas xustas e lexítimas críticas cun proxecto dunha macrocelulosa que pon en perigo o corazón da Galiza".

Así mesmo, a voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, critica que o presidente se refira de forma "despectiva" a unha plataforma veciñal que "é apartidista". "Nestes dous anos que levamos organizados e traballando respecto a este proxecto, puxémonos en contacto en varias ocasións co señor Rueda para pedir información e expresarlle as nosas preocupacións respecto diso, e aínda estamos a esperar a que desde a Xunta se nos conteste e alguén se digne a reunirse connosco", recrimina.

"Os veciños e veciñas non somos satélites de ninguén, nós estamos na terra, somos o pobo e como tal exiximos que o presidente da Xunta nos teña respecto polo menos e valore con preocupación as demandas dun grupo masivo de xente unida, no que hai xente de todas as ideoloxías, sensibilidades e crenzas", afirma Ulloa Viva.

Igualmente, lamenta que "a posición da Xunta sexa a de acompañarse dunha empresa estranxeira e desprezar aos veciños afectados polo proxecto da macrocelulosa". Con todo, Gontá mostra a "disposición" de Ulloa Viva a escoitar a Rueda: "A que veña e nos explique o proxecto, e a que responda as nosas preguntas e preocupacións".

Os albergues privados están en contra

Por outra parte, a Asociación Galega de Albergues Privados -que representa a máis de 35% dos albergues da Galiza- mostrou esta quinta feira a súa "profunda preocupación" sobre este proxecto. "As proporcións deste proxecto, que ocuparía máis de 350 hectáreas, e a súa localización nas proximidades do Camiño Francés, lévanos a pensar que causará un grave prexuízo á experiencia dos miles de peregrinos que transiten esta parte do camiño", alertan os albergues. Ademais, calculou que "pode afectar máis de 30 quilómetros do Camiño".

Comentarios