Consello da Xunta

Rueda admite que haberá feches de centros de saúde durante o verán

O verán na Galiza non contará con todos os centros de saúde abertos. Haberá feches e as usuarias e os usuarios dos centros afectados terán que desprazarse a outros para recibir asistencia. Así o apuntou esta segunda feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira, no Consello do Goberno. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Arxina)

A falta de persoal na Atención Primaria na Galiza cobra especial incidencia no verán, unha situación que se repite ano tras ano sen que desde o Goberno galego dean atallado un problema que afecta miles de usuarias e usuarios da sanidade pública galega. O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, recoñeceu esta segunda feira, a preguntas da prensa, que este verán haberá centros de saúde que teñan que fechar "temporalmente".

"En centros moi pequenos e temporalmente terán que desprazarse a outros centros para recibir asistencia", afirmou Rueda, que dixo que esta situación xa se viviu "noutros anos". O presidente mesmo recoñeceu que é "imposíbel" co persoal actual manter todos os centros en funcionamento con normalidade.

 As declaracións de Rueda prodúcense apenas 24 despois de que o propio conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, afirmara nunha entrevista na Cadea Ser que este verán ía producirse unha "reordenación da asistencia" sanitaria. Gómez xustificou a medida debido á falta de dispoñibilidade de persoal a curto prazo e anunciou que o Sergas traballa xa nun plan de recursos humanos que terá ultimado nun ano e que permitirá identificar as necesidades de persoal.

Preguntada por Nós Diario, desde Sanidade indican que o que se fai é reorganizar a asistencia “en función das circunstancias particulares de cada zona e dos reforzos que poida haber”. En todo caso, apuntan, “tentarase que [a reorganización] sexa a menor posíbel” e afirman que a totalidade dos Puntos de Atención Continuada (PAC) van seguir funcionando durante o verán.

Noutra orde de cousas, Alfonso Rueda anunciou na comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego que hoxe presentarase publicamente en Valença do Minho un manifesto subscrito entre a Xunta da Galiza e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento do Norte para reclamar que no prazo previsto, 2032, estea finalizada a Alta Velocidade que conecte a Galiza e o Norte de Portugal.

Lei de Amnistía

A asesoría xurídica da Xunta da Galiza, da man da recentemente creada Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais, elaborou un argumentario que foi remitido ao Consello Consultivo para solicitar ao órgano de asesoramento que se pronuncie sobre a posibilidade de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Amnistía. "Sobran os motivos para que a Galiza actúe en defensa do Estado de dereito", aseverou o presidente galego, Alfonso Rueda, na súa comparecencia. A norma "contradí artigos da Constitución, incorre en arbitrariedade e vulnera a separación de poderes", afirmou o mandatario galego como motivos xustificantes do recurso. 

Na comparecencia após o Consello da Xunta tamén estivo a conselleira de Medio Rural, María José Gómez para dar conta da "execución de 100%" dos fondos da Política Agrícola Común destinados á Galiza este ano, máis de 211 millóns de euros.

Comentarios