Sánchez anuncia un 'tope' ao financiamento con fondos públicos da prensa dixital e promete máis "transparencia"

"Hai medios que só teñen recursos públicos e non teñen lectores", afea o presidente do Goberno español, en relación ao que cualifica de "pseudomedios" que espallan, di, "desinformación e bulos".
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, avanzou esta segunda feira a súa intención de pór un 'tope' ao financiamento con fondos públicos de medios de comunicación dixitais que practicamente "non teñen lectores", aos que se referiu como "pseudomedios". Nunha entrevista na Cadena SER, Sánchez adiantou que presentará este paquete de medidas "de rexeneración democrática" nunha comparecencia no Congreso o próximo 17 de xullo.

"O que estamos a estudar, e é unha das propostas que farei ao Congreso dos Deputados, é estabelecer un máximo de financiamento público para os medios de comunicación. Porque o que está a suceder é que hai medios que só teñen recursos públicos e non teñen lectores", afeou.

O xefe do Executivo proporá tamén unha modificación da Lei de Publicidade Institucional para incorporar "transparencia" no financiamento con recursos públicos dos medios dixitais porque, enfatizou, "non é aceptábel que, con recursos públicos, estean a financiarse a desinformación e os bulos".

Estas medidas súmanse a outras anunciadas previamente como a reforma da lei do dereito á honra e do dereito a rectificación, anunciadas por Sánchez despois dos cinco días de reflexión que se tomou a finais do pasado abril para decidir se continuaba ou non á fronte do Goberno.

Despois de comparecer na Cámara Baixa para presentar ese "Plan de acción democrática", Sánchez abrirá unha rolda de contactos con todos os grupos parlamentarios que queiran participar neste paquete de medidas para, despois do verán, pór en marcha as medidas lexislativas correspondentes. Con todo, indica, estas iniciativas xa se están traballando co socio minoritario da coalición de goberno, Sumar, e co resto de socios parlamentarios, aínda que a partir do 17 de xullo fixarase esa rolda de contactos oficial.

Neste sentido, pediu á cidadanía que confíe en que esta "guía" vai ser "plenamente acorde" coa normativa europea e as directivas aprobadas na Unión Europea, e tamén co apoio do Partido Popular Europeo, matizou, que busca garantir a transparencia, a pluralidade informativa e loitar contra os bulos e a desinformación. Di ademais que a expansión da desinformación fai dano á convivencia e ao correcto funcionamento das sociedades democráticas e "abre a porta" a fenómenos como o avance da ultradereita.

Comentarios