O BNG acusa ao PP de pór en risco a saúde da cidadanía galega

Nunha rolda de prensa, a deputada do BNG, Montse Prado, advertiu que as medidas para o verán anunciadas pola Xunta da Galiza para o Sergas "non están a dar resultado",
Rueda de prensa de Montse Prado (Foto: Nós Diario).
photo_camera Rueda de prensa de Montse Prado (Foto: Nós Diario).

O BNG denunciou esta terza feira de novo o traslado da base da ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés a Sanxenxo, como ocorre os últimos veráns, despois de que a pasada fin de semana falecese un home ao que lle deu unha parada cardiorrespiratoria na súa casa en Vilagarcía de Arousa (O Salnés).

Nunha rolda de prensa, a deputada do BNG, Montse Prado, advertiu que as medidas para o verán anunciadas "aos catro ventos" pola Xunta da Galiza para o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non só "non están a dar resultado", senón que "poñen continuamente en risco a vida das persoas".

A deputada nacionalista puxo como exemplo, a "gravísima situación" ocorrida en Vilagarcía polo traslado da ambulancia de soporte vital avanzado. Segundo Prado, xa o verán pasado "varias persoas perderon a vida" sen que este vehículo sanitario "chegase a tempo".

Diante desta situación, a deputada alertou de que o sábado pasado ocorreu o mesmo: a ambulancia de soporte vital básico con persoal do centro de saúde do municipio "chega en 15 minutos" pero a de soporte vital avanzado -ou medicalizada-, que é a que no verán opera desde Sanxenxo, "tarda ao redor de media hora" cando desde o Hospital do Salnés o fixese en "cinco minutos".

Ademais, a nacionalista sumou que "a Xunta do PP está a consentir" a Elliance, a concesionaria do helicóptero do 061 con base en Santiago, que este medio de transporte sanitario "non empeza a estar operativo até as 10 horas da mañá" cando no verán amence xa ás 7.00 horas. No caso desta fin de semana, o primeiro aviso pola parada cardiorrespiratoria en Vilagarcía foi pasadas as 8 horas da mañá. 

Sanidade deféndese

A Consellaría deféndese das críticas e asegura nun comunicado que o home de Vilagarcía, que acabou por falecer no Clínico de Santiago trasr unha parada cardiorrespiratoria, foi atendido "con desfibrilador nun tempo de 11 minutos" desde que se recibiu a chamada de alerta.

Comentarios