O PSdeG demanda espirómetros en todos os centros de saúde da Galiza

Elena Espinosa e Paloma Castro, rexistraron esta terza feira unha proposición non de lei (PNL) para o seu debate no Parlamento galego co obxectivo de recuperar a realización de espirometrías nos centros de saúde.
Elena Espinosa nunha rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Elena Espinosa nunha rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

As deputadas do Grupo do PSdeG, Elena Espinosa e Paloma Castro, rexistraron esta terza feira unha proposición non de lei (PNL) para o seu debate no Parlamento galego co obxectivo de recuperar a realización de espirometrías nos centros de saúde e realizar un estudo desde marzo até o 31 de decembro deste ano para avaliar a redución do uso de inhaladores presurizados e o seu impacto nas emisións de CO2.

Argumentan que tras á crise sanitaria da Covid-19, as espirometrías deixaron de programarse polo risco de contaxio. Actualmente, aseguran, "o ritmo de diagnóstico con este sistema non alcanzou os niveis óptimos, a pesar de ser unha proba non invasiva, accesíbel e económica, necesaria para reducir o grave infradiagnóstico da Enfermidade Pulmonar Obstructiva Crónica (EPOC).

Na súa PNL, as socialistas instan á Xunta a dotar todos os centros de saúde dun espirómetro para elevar o diagnóstico das enfermidades respiratorias e facilitar un acceso máis equitativo a estas probas. Neste sentido, argumentan que son enfermidades "cunha taxa de infradiagnóstico de 79 % en termos globais".

Así mesmo, demandan a realización de cursos de reciclaxe ao persoal sanitario, especialmente de enfermería, para garantir a correcta realización de espirometrías.

Por último, solicitan un informe anual a partir de xaneiro de 2025 sobre a redución de inhaladores presurizados e o seu impacto na diminución de gases contaminantes. 

"É crucial que implementemos estas medidas para mellorar a calidade de vida dos pacientes con EPOC e para contribuír á descarbonización do sistema de saúde", afirma Castro.

Comentarios