O BNG pedirá amparo no Parlamento para poder cumprir o labor de control

Segundo a formación nacionalista, a iniciativa responde a unha nova “manobra” do Executivo de Rueda para restrinxir o acceso aos expedientes sobre os contratos menores asinados polo Servizo Galego de Saúde e a Consellaría de Sanidade. 
O deputado nacionalista Iago Tabarés, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado nacionalista Iago Tabarés, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O BNG solicitará o amparo da Presidencia e a Mesa do Parlamento para reclamar á Xunta da Galiza que respecte os dereitos de deputados e deputadas no acceso á información,  garantindo así que poidan exercer o seu labor de control ao Executivo.  

A petición, segundo a formación nacionalista, responde a unha nova “manobra” do Executivo de Rueda para restrinxir o acceso aos expedientes sobre os contratos menores asinados polo Servizo Galego de Saúde e a Consellaría de Sanidade. Neste caso, os deputados Luís Bará e Iago Tabarés presentáronse esta sexta feira nas dependencias do Sergas, onde foron citados, para examinar documentación que solicitaron previamente polas vías oficiais, mais finalmente non se puxo á súa disposición a documentación requirida.

Segundo Tabarés, hai meses que o BNG, ao abeiro do artigo 9 do Regulamento da Cámara, solicitou a remisión ao Parlamento de Galiza de expedientes relativos á contratación de determinadas empresas pola vía de emerxencia, tanto do Sergas como da Consellaría de Sanidade.

“Unha vez nas dependencias do Sergas, en ningún momento se puxo á nosa disposición a documentación solicitada”, denuncia Tabarés, “é a falta de transparencia e a vontade obstrucionista do Partido Popular a que impide que os deputados e deputadas do BNG poidan cumprir co seu deber de control da acción de goberno na xestión dos recursos públicos”, subliñou o deputado. 

Entre a documentación solicitada están os contratos de emerxencia, que chegaron aos 20 millóns de euros, asinados coa empresa na que ten responsabilidades o irmán da parella do ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios