MÁIS

A Boa Vila baila en festas

Centos de actividades encherán as rúas da cidade do Lérez durante o vindeiro mes.
Dakidarría, grupo con máis de vinte anos de traxectoria, inaugurou onte co seu concerto as festas de Pontevedra. (Foto: Dakidarría)
photo_camera Dakidarría, grupo con máis de vinte anos de traxectoria, inaugurou onte co seu concerto as festas de Pontevedra. (Foto: Dakidarría)

As festas da Peregrina son a cita máis esperada do ano en Pontevedra. A Boa Vila acolle un cartaz que se supera ano tras ano, apoiando sempre o panorama musical  da Galiza. Nesta ocasión, a cidade percorrida polo Lérez encetará oficialmente a súa semana grande o 9 de agosto, rematando o vindeiro 19. Ruadas, obras teatrais, humor e música encherán Pontevedra. A cativada tamén contará co seu espazo, sobre todo os últimos días de celebración. 

Con todo, a programación musical das festas comezou xa na noite de onte, coa actuación de Dakidarría. A banda ten máis de 20 anos de experiencia e presentou o seu novo disco, XX. Unha fusión de punk rock e ska reggae para comezar as celebracións por todo o alto. Hoxe, a música Guadi Galego tomará o relevo presentando tamén o seu último traballo, Síntese Horizonte. 

Xa dentro das datas propias das festas, actuarán Caamaño e Ameixeiras o 14 de agosto. Este dúo gañouse a pulso o seu espazo no panorama musical e tradicional da Galiza, mesturando as raíces con sons contemporáneos á perfección. Esta edición da Peregrina caracterízase polas novidades, posto que Mondra fará bailar á toda vila co seu último éxito, Marimondra, o día 16. Case fechando as festas, María Soa e Sara Faro (Fillas de Cassandra) non perderán a oportunidade de introducir de cheo a vila na súa Acrópole persoal. Outros artistas, como Óscar Ibáñez, Pelepau ou Nil Moliner tamén honrarán as festas de Pontevedra.

Tras máis dunha quincena enchendo o Lérez de ledicia, Pontevedra despedirase co tradicional espectáculo pirotécnico. O ceo iluminarase co maior resplandor a partir da medianoite do 19 de agosto.

Comentarios