MÁIS

O Massó, lugar do bo humor

Música e ambiente no Morrazo máis canino
O Chirin Massó con mural feito por Santiago Paredes e o Ras.(Foto: Nós Diario)
photo_camera O Chirin Massó con mural feito por Santiago Paredes e o Ras.(Foto: Nós Diario)

Á beira do que un día foi a conserveira Massó (Cangas do Morrazo), unha das primeiras fábricas  deste tipo en utilizar electricidade nos procesos produtivos, sitúase o Chirin Massó, o local que abriu Brais Díaz na praia da Cunchiña. Se ben, ao principio montouno da man dunha socia, agora rexéntao en solitario e con boa acollida, tanto é así que abriu o local Terra de Laxe tamén na veciña praia de Castiñeiras.

Todo desde un comezo bastante  humilde e incerto, xa que, como indica en conversa con Nós Diario, tiña experiencia de traballar nalgún local de noite mais estaba bastante verde cando comezou. Porén, rematou sendo unha experiencia divertida para el, pois "coñécese moita xente cando te dedicas á hostalaría e á atención ao público". Neste sentido, valora especialmente o "ambiente agradábel" que se xera no estabelecemento. Este está motivado pola presenza de "xente  de vacacións" que, afirma, "está sempre de bo humor e coa que se fai bastante fácil traballar.

Sobre a procedencia da clientela do Massó hai que sinalar que é, na meirande parte, "xente dos arredores, da zona de Cangas, Moaña ou Bueu" aínda que haxa algo de turismo, tamén benvido ás tardes do local cangués. Quizais, por este motivo, a identidade que aspira transmitir Díaz co seu traballo é construír locais para a veciñanza xa que “non vai ser todo para os que veñen de fóra”.

Outro dos atractivos é o libre albedrío da clientela para traer os seus cans a tomar o sol e os refrixerios, pois "non son un problema" para o local, que defende a fin da restrición  aos animais neste tipo de locais.

Como non se vai entrar nun local só polos principios, tamén hai que salientar como se mostra aos ollos. Nisto, o Massó ten unha das panorámicas máis esplendorosas da ría de Vigo. En concreto, desde a Cunchiña pódense ver "os barcos que van a Vigo e as luces da ponte de Rande na noite". Por todo, a xente que se achega é variada, englobando persoas de toda idade e os seus grandes ou pequenos amigos peludos.

 

"Os cans non son un problema para o Massó", sinala o propietario do negocio 

Jazz no programa

No Chirin Massó, apóstase pola apertura de miras e xéneros. En troques de repetir cos acostumados ritmos urbanos -propios do verán- , polo estabelecemento pasan desde bandas de versións como Lelli Kelly's até xente do mundo do jazz como o grupo Chus Pazos.

Labor e pracer en harmonía  

Segundo o propietario, con breve experiencia en locais nocturnos, facer concertos permite entreter as persoas que veñen e mais o persoal. Como "pasas o verán traballando", levar a música ao Massó permítelle gozar dentro do estabelecemento do que non pode por traballo.

Con dereito de admisión

Un dos atractivos da zona é a posibilidade desde 2016 de estar acompañado da túa cadela ou can no areal. A praia da Cunchiña é a única con licenza oficial en  Cangas (O Morrazo). Non existen neste senso moitas máis alternativas, xa que as máis próximas xa están no Grove (O Salnés) -a praia da Cova ou O Espiño- ou Redondela (comarca de Vigo) -Cesantes e Chapela-. Ademais, como o local está libre de coches, os cans poden "andar soltos" na liña do propio de ser "un sitio de liberdade" para donos e mascotas, o que reporta beneficios na saúde dos animais que poden socializar e correr pola praia en compañía doutros cans.

Comentarios