París 2024 | Natación

Léon Marchand volve arrasar: novo ouro con récord olímpico nos 200m bolboreta

Vitoria con récord olímpico tamén para a estadounidense Katie Ledecky nos 1.500m libres.
O nadador francés Léon Marchand, esta cuarta feira, na piscina de La Défense Arena. (Foto: Michael Kappeler / DPA vía Europa Press)
photo_camera O nadador francés Léon Marchand, esta cuarta feira, na piscina de La Défense Arena. (Foto: Michael Kappeler / DPA vía Europa Press)

O nadador francés Léon Marchand chegou a estes Xogos Olímpicos disposto a arrasar para regalar moitas alegrías ao seu público. Estreouse a pasada segunda feira cun ouro e récord olímpico nos 400 metros estilos... e esta cuarta feira repetiu a fórmula nuns 200 metros bolboreta nos que se conseguiu impor ao vixente campión, o húngaro Kristof Milak.

Marchand parou o crono nun 1:51.21 que lle valeu para superar por catro centésimas a anterior plusmarca olímpica de Milak, o vixente campión nesta proba, quen aínda pode presumir de ostentar o récord mundial (1:50.34) malia ter que conformarse esta cuarta feira coa prata. O bronce foi para o canadense Ilya Kharun (1:52.80).

Huske gaña os 100m libres

Na proba feminina dos 100m libres a vencedora foi Sarah Sjöström (52.16), actual plusmarquista mundial, con prata para a estadounidense Torri Huske (52.29) e bronce para a hongkonesa Siobhan Haughey (52.33).

Vitoria tamén con récord olímpico para Ledecky nos 1.500m libres

E, finalmente, nos 1.500m libres unha das lendas vivas deste deporte, a estadounidense Katie Ledecky, demostrou o que todos sabiamos: que nesta proba non hai quen lle tusa. Chegaba como plusmarquista olímpica e mundial e defensora do título... e revalidou o título cun novo récord olímpico. Gañou cun tempo de 15:30.02 con creces superior aos da francesa Anastasiya Kirpíchnikova (15:40.35) e a alemá Isabel Gose (15:41.16), prata e bronce, respectivamente.

A estadounidense Katie Ledecky, na piscina de La Défense Arena. (Foto: AFP7 / Europa Press)
A estadounidense Katie Ledecky, na piscina de La Défense Arena. (Foto: AFP7 / Europa Press)

Comentarios