París 2024 | Remo

Rodrigo Conde só pensa no ouro: "Apuntamos ao máis alto, non podes ir pensando en quedar terceiro"

O remeiro Rodrigo Conde (Moaña, 1997) meteuse esta terza feira na final do dobre scull cunha soberbia regata na que o bote que comparte co catalán Aleix García demostrou ser o máis regular de principio a fin. Agora a parella non pensa noutra cousa que en subir ao máis alto do podio esta quinta feira.

O moañés Rodrigo Conde, esta terza feira, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne, onde se meteu na final do dobre scull de remo con Aleix García. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera O moañés Rodrigo Conde, esta terza feira, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne, onde se meteu na final do dobre scull de remo con Aleix García. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

—Rematou unha regata na que a calor apertou moito, con 30 graos e o ceo despexado... non será fácil competir nestas condicións.
Prefiro isto a que haxa vento, choiva, a auga en mal estado... A temperatura pode paliarse. De feito, antes de saír utilizamos uns chalecos conxelados que nos baixan moito a temperatura corporal. E tamén nos hidratamos ben, con sales minerais para chegar ben á saída. Todo iso pode regularse bastante ben, e estamos acostumados a adestrar con moita calor en Sevilla ou en Catalunya, polo que tampouco é algo que nos afecte en exceso. Pode ser que aos remeiros que son de países do norte lles afecte máis, pero nos xa estamos acostumados a traballar con todas as condicións. Levamos bastante ben os 30 graos.

—Vostede e Aleix García foron os máis regulares, de principio a fin: empezaron loitando pola primeira praza con Serbia e acabaron entrando segundos grazas a un sprint nos últimos metros que lles garantiu pasar á final.
Si, a verdade é que foi unha pedazo de regata de principio a fin. Sempre temos ese puntiño ao principio que nos permite con moita facilidade poñernos por diante; non sabemos ben por que, porque tampouco somos os máis fortes... pero o flow que temos co bote é o que nos fai meter esa velocidade sen demasiado desgaste e despois entrar na roda e aguantar o tirón ro resto, que por idade, por forza, por tamaño... aí son un pouquiño mellores que nós. Sabemos que é o que temos que traballar e estar moi pendentes para que non se nos escapen moito e, ao remate, poder meterlles ese ataque final que temos tan bo.

Nunha entrevista recente con Nós Diario comentaba que ao pasar da categoría lixeira á absoluta tanto vostede como o seu compañeiro eran máis 'pequenos' que o resto de rivais, pero que iso tamén lles dá outras vantaxes.
Exactamente. Somos moito máis áxiles, temos máis chispa e movémonos máis rápido. Temos que aproveitar os nosos puntos fortes para poder gañar aos pedazo de bigardos contra os que remamos [ri].

—Remataron co quinto mellor tempo das dúas semifinais, a pouco máis dun segundo de Irlanda ou Países Baixos, que se presentan como os grandes rivais a bater. Como se ven de cara á final?
Vémonos moi ben, a verdade. Teñen mellores tempos pero a menos dun segundo de nós [a distancia é de poucas centésimas con Nova Zelandia e EUA], e sabemos o puntiño no que se nos escaparon hoxe. Cando te ves nunha semifinal en postos de clasificación sempre tes ese punto de "aguanta aquí, asegura a posición, non arrisques", e nunha final vas con todo. Creo que podemos suplir ese medio segundo que nos meteron ao final coa 'loucura' que temos o meu compañeiro Aleix e eu e poder alcanzar mesmo a medalla de ouro.

—Non pensa noutra cousa que non sexa o ouro.
Sempre apuntamos moi alto. Somos firmes crentes, porque sempre nos funcionou, de que se ti vas apuntando a un terceiro posto, se te ves pelexando polo terceiro... non consegues o que poderías.

—Estes son os seus primeiros Xogos Olímpicos. Como está a ser a experiencia?
Son os primeiros Xogos para os dous, tamén para Aleix. Cando estabamos durmindo na Vila Olímpica había moitos estímulos, moitas cousas novas, queres probar todo o que hai aí, coñeces xente... Agora mesmo estamos nuns pisos aquí ao lado; decidimos marchar da Vila para manter a concentración. Pero, en calquera caso, moi ben, desfrutando moito da experiencia.

Comentarios