París 2024 | Tríatlon

Alex Yee gaña o tríatlon masculino; o vigués Antonio Serrat, trixésimo segundo

Ao británico escapáreselle o ouro en Toquio 2020.
IMG_20240731_141039 (1)
photo_camera O británico Alex Yee cruzando a liña de meta. (Foto: David Davies / PA Wire vía Europa Press)

Rematou a espera e despexáronse as incógnitas: a calidade da auga mellorou, as análises realizadas esta madrugada deron o visto bo e finalmente houbo tríatlon nos Xogos Olímpicos de París. Comezou esta frenética xornada ás 8 horas coa categoría feminina, na que se proclamou vencedora a francesa Cassandre Beaugrand culiminando unha maxistral proba traballada nos tres segmentos cun sprint final na carreira a pé co que soubo impor a súa superioridade.

O seu cambio de ritmo rompeu a carreira e deixouna a un pasiño do ouro no medio dunha marea de bandeiras de Francia e loanzas das súas compatriotas que lle deron ese plus de enerxía necesario para cruzar a meta na primeira posición.

Cassandre Beaugrand cruzando a meta. (Foto: Joel Carrett / AAP / DPA vía Europa Press)
Cassandre Beaugrand cruzando a meta. (Foto: Joel Carrett / AAP / DPA vía Europa Press)

E chegou despois a quenda do vigués Antonio Serrat nun tríatlon masculino no que empezou distanciándose na natación o australiano Matthew Hauser, mais terminou sendo o italiano Alessio Crociani o primeiro en saír da auga. Serrat intentou non descolgarse do grupo de cabeza pero acabou rematando este segmento algo máis de dous minutos por detrás, lastrado tamén por unha penalización de 15 segundos que a organización impuxo tamén a outros cinco atletas.

Co paso á bicicleta formouse un grupo en cabeza ao que se sumaron o británico Alex Yee, o neozelandés Hayden Wilde e o francés Leo Bergere. E entre os dous primeiros quedou unha axustada pelexa polo ouro; os mesmos dous a quen se lles escapara en Toquio 2020, acabando con prata e bronce, respectivamente. Yee apertou máis nos metros finais e conseguiu subir ao máis alto do podio, seguido de Wilde e Bergere. O vigués Antonio Serrat rematou trixésimo segundo.

[EN AMPLIACIÓN]

Comentarios