Máis

A Serra da Enciña da Lastra

O paraíso mediterráneo e aviar de Rubiá.
Vistas das ladeiras do Sil no parque natural da Serra da Enciña da Lastra, en Valdeorras. (Foto: Turismo da Galiza)
photo_camera Vistas das ladeiras do Sil no parque natural da Serra da Enciña da Lastra, en Valdeorras. (Foto: Turismo da Galiza)

A Serra da Enciña da Lastra, no municipio de Rubiá (Valdeorras), postúlase como un dos únicos bastións de vexetación mediterránea na Galiza. Esta zona de protección europea conta con enciñas -unhas delas incluída no Catálogo de Árbores Singulares da Xunta da Galiza- e unha ampla variedade de arbustos non propios do clima atlántico (albedros, madreselvas, plantas de tomiño silvestre, sobreiras, etc.). Precisamente, da presenza da enciña parte o nome do parque, unha árbore que era empregada para orientarse nas terras de paso en séculos pasados e, á vez, foi traída polos romanos desde o núcleo do Imperio. Ademais, dentro desta vexetación citada moita é de natureza endémica -non existe noutro lugar do mundo- e unhas 26 son raras ou atópanse ameazadas na Galiza.

Tamén a Enciña de Lastra é niño de numerosas aves rupícolas (habitantes de medios rochosos) e rapaces (cazadoras de presas). Unhas das máis relevantes, o voitre branco -dentro do Catálogo Galego de Especies Ameazadas-, o falcón peregrino ou a aguia real. 

Moita da vexetación é endémica, non existe noutros lugares

Tampouco faltan pequenos paxaros como a carrasqueña, o reiseñor ou andoriña dáurica. Fauna voadora que se ve acompañada de mamíferos como osos, gatos monteses ou morcegos, con colonias abundantes por esta zona. Porén, non só se pode observar fauna e floral, tamén unhas paraxes naturais impresionantes de ladeiras escarpadas, covas -arredor de 20- e pequenas poboacións á beira do Sil. Ademais, a Serra da Enciña da Lastra ten un patrimonio xeolóxico destacado, como as Peñas de Oulego, o mellor exemplo de relevo producido pola acción erosiva da auga xunto as cavidades de rocha calcaria coñecidas como palas da Lastra. 

Nesta contorna tan diversa, as e os visitantes teñen vía libre para descubrir tanto a través das múltiples rutas (de sendeirismo, espeleoloxía ou en caiac) como desde os nove miradoiros habilitados para divisar as vistas da Enciña de Lastra. 

Conservación en Rubiá

O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra é o máis novo (declarado en 2002) dos seis parques presentes na Galiza. Ademais, constitúe unha Zona Especial de Conservación (ZEC) -con distinción superior ao LIC- e Zona Especial de Protección para Aves (ZEPA).

Concentración floral

Rubiá concentra 69% das especies de orquídeas de toda Galiza. Esta flor, que acostuma agromar nos fogares, atópase silvestre e de forma abundante ao abeiro de matogueiras mediterráneas da Enciña da Lastra. Unha das variedades é a abelleira, que imita o corpo do insecto.

Riqueza rochosa

O tipo de pedra predominante na zona é a calcaria, propia da metade oriental da península (Cordilleiras Béticas, Cordilleira Ibérica, Pireneos e Cordilleira Cantábrica). Isto resulta unha riqueza e, á vez, unha peculiaridade no solo da Galiza, sobre todo, tendo en conta que é a principal rexión europea e líder mundial en produción de lousa e granito. Ademais, na Serra de Enciña hai abundantes covas -coñecidas como palas- que son fogar de conxuntos estalagtíticos e estalagmíticos moi valorados pola espeleoloxía 
desta comarca.

Comentarios