MÁIS

O aturuxo que axita Ourol

Fin de semana de música na Mariña
Ugia Pedreira actuará no XII Festival Aturuxo de Ourol, onde presentará o seu novo tema, 'Soltar'. (Foto: Óscar Gorriz)
photo_camera Ugia Pedreira actuará no XII Festival Aturuxo de Ourol, onde presentará o seu novo tema, 'Soltar'. (Foto: Óscar Gorriz)

A parroquia de Bravos, no concello de Ourol (A Mariña), acolle por duodécima ocasión o Festival Aturuxo. A entrada e a acampada son de balde. Trátase dun festival que aposta por manter viva as nosas herdanzas musicais e as festas populares propias da Galiza. 

A cita comezará esta noite cunha gran cea popular, seguida dunha foliada coa correspondente queimada. Catro grupos pasarán polo escenario esta noite. Será unha xornada chea de música tradicional galega. As cantareiras de Lambe Lambe abrirán o festival coas súas cantigas transmitidas xeración tras xeración. Amigos do Folk tamén apostan pola nosa música, mesturada con ritmos contemporáneos. Tampouco faltarán á cita coas súas gaitas e pandeiretas con Os do 21 e Espera que vou mexar.

A xornada festivaleira de mañá comezará coa III Feira Artesá Festival Aturuxo, amenizada cunha sesión vermú e xogos populares e de auga para  a cativada. Tamén volverá o xa típico aberto de billarda, coa colaboración de ACD O Varal Liga Nacional de Billarda. Os xogos populares e o aberto son baixo inscrición, que se poderá facer no mesmo día no posto oficial de merchandising do festival.

Manu Kasoaparte e a banda compostelá Tecor Sociétario achegarán o mellor do punk galego ao Festival Aturuxo. Pakolas trae as letras máis pegadizas para entreter á cativada na lingua propia. Artistas como Loita Amada, Zé Pequeno ou a innovadora Catuxa Salom non perderán a oportunidade de achegar a súa visión musical a Ourol. Ugia Pedreira provocará unha forte conexión do público coa terra. Diversidades sonoras e culturais mestúranse no seu novo tema Soltar.

Comentarios