MÁIS

Callobre, o folk bota raíces

A Estrada acolle a XXIII edición deste festival.
A Banda de Gaitas de Barbude durante unha actuación da última edición do festival Folk de Raíz. (Foto: Pixelin Photo)
photo_camera A Banda de Gaitas de Barbude durante unha actuación da última edición do festival Folk de Raíz. (Foto: Pixelin Photo)

Este sábado terá lugar unha nova edición do festival Folk de Raíz en Callobre, A Estrada (Tabeirós - Terra de Montes). A parroquia de Callobre leva desde o ano 2000 acollendo grupos de todas as comarcas da Galiza vinculados ao mundo do folk. É a XXIII edición do festival, posto que non se realizou en 2020 por mor da pandemia.

A troula comezará ás 20.30 horas con xogos tradicionais para a cativada da man de SororAs. Terán lugar no torreiro de Callobre, onde se desenvolverá toda a xornada musical. A partir das 22.30 e até as 3.30 da madrugada, diferentes grupos pasarán polo escenario  de Folk de Raíz. A Asociación Cultural Xirandola porá a bailar todo o público. Logo actuará o Grupo Regatos, que é o fundador deste festival. Está formado por un grupo de amigos cunha paixón en común: a música tradicional. A visión máis vangardista da música galega vén da man de Fillas de Cassandra

"Queremos acoller estes artistas emerxentes que están a facer música nova pero na que tamén vemos esas raíces comúns do folk da nosa terra", declaran desde a organización do festival a Nós Diario. Os Carunchos son os escollidos para o feche desta oda ás nosas orixes. Xa estiveron en diversas edicións do festival e volven para celebrar o seu 30 aniversario

Este ano, Folk de Raíz ten un punto agridoce. Hai menos dun ano do pasamento de Martín Dono que, ademais de músico,  foi un dos principais fundadores e promotores do Grupo Regatos e do propio festival. 

Desde a organización anuncian que haberá diferentes homenaxes a esta gran figura, como xa o foi o cartaz desta edición, deseñado por ​Rosa de Cabanas, cunha guitarra que recorda Martín Dono.

Comentarios