París 2024 | Boxeo

O COI dá por concluída a polémica sobre Imane Khelif: "Os ataques baséanse nunha decisión arbitraria"

Lea que sacode o mundo enteiro entre a IBA e o COI a respecto das boxeadoras Lin Yu-ting e Imane Khelif pola polémica desatada após o abandono da italiana Angela Carini alegando a dureza dos golpes da alxerina.
A alxerina Imane Khelif e a italiana Angela Carini, no seu combate desta quinta feira. (Foto: Joel Carrett / AAP / DPA vía Europa Press)
photo_camera A alxerina Imane Khelif e a italiana Angela Carini, no seu combate desta quinta feira. (Foto: Joel Carrett / AAP / DPA vía Europa Press)

O París Norte Arena presenciou esta quinta feira o pase á semifinal —garantindo así a medalla— de Enmanuel Reyes Pla tras vencer con clara superioridade ao belga Victor Schelstraete en cuartos. Pero a noticia do día, que en poucas horas deu a volta ao mundo, non foi esa, senón o sucedido nun dos combates que precederon o do púxil da Coruña.

Aos 46 segundos de se iniciar o primeiro asalto no enfrontamento de oitavos de final na categoría de -66 kg feminina entre a alxerina Imane Khelif e a italiana Angela Carini, esta última tirou a toalla alegando a dureza dos golpes que encaixara. E en segundos desatouse a polémica nas redes sociais, onde apareceron todo tipo de informacións. Algunhas reais; outras, bulos.

A Asociación Internacional de Boxeo (IBA, polas siglas en inglés), que o pasado ano suspendera tanto Khelif como a taiwanesa Lin Yu-ting por "incumpriren os criterios de elixibilidade para unha competición feminina" ao presentar elevados niveis de testosterona. Unhas palabras que moitas persoas se apresuraron a interpretar como que se trataba de dúas atletas transexuais, algo desmentido en ambos os casos, pois se trataría de atletas intersexuais que non vulnerarían os códigos dos Xogos Olímpicos, certifican desde o Comité Olímpico Internacional (COI).

O certo é que a IBA mantén un forte pulso co COI a respecto desta cuestión, e o propio COI saíu ao paso das críticas nas últimas horas e dos ataques a Khelif e Yu-ting defendendo o seu dereito a competir en París ao non vulneraren a normativa actual. Tamén cargou contra a IBA por impulsar unhas sancións "arbitrarias".

"As dúas atletas levan moitos anos competindo en competicións internacionais de boxeo na categoría feminina, incluíndo os Xogos Olímpicos de Toquio 2020 ou os Campionatos do Mundo da IBA. Estas dúas deportistas foron vítimas dunha decisión repentina e arbitraria da IBA. Cara ao final dos Campionatos do Mundo de 2023 foron descualificadas de súpeto sen ningún proceso. Segundo as actas da IBA dispoñíbeis na súa páxina web, esta decisión foi tomada inicialmente unicamente polo secretario xeral e CEO da IBA. A Xunta da IBA só o ratificou posteriormente e só despois solicitou que se estabeleza un procedemento a seguir en casos similares no futuro e que se reflicta no Regulamento da IBA", cuestionan desde o COI.

Tamén salientan que as citadas actas recollen que a IBA debería "estabelecer un procedemento claro sobre as probas de xénero", e aseguran que "a agresión actual contra estás dúas deportistas baséase enteiramente nesta decisión arbitraria, que foi tomada sen ningún trámite adecuado, sobre todo tendo en conta que levaban moitos anos competindo en competicións de primeiro nivel".

Amy Broadhurst, quen venceu Khalif en 2022: "Que fose derrotada antes por nove mulleres dío todo"

Khelif competiu en Toquio e foi eliminada en cuartos pola que logo sería a gañadora, a irlandesa Kellie Anne Harrington. E en 2022 foi derrotada na final do Mundial da IBA pola tamén irlandesa Amy Broadhurst, quen agora sae na defensa da alxerina a través das redes sociais: "Hai moita xente que me pregunta Imane Khelif. Persoalmente, non creo que fixese nada para 'enganar'. Creo que é a forma na que naceu e que está fóra do seu control. O feito de que fose derrotada antes por nove mulleres dío todo". De feito, non se produciu esta enorme polémica cando Imane Khelif foi a derrotada en anteriores competicións.

"Este enfoque é contrario ao bo goberno. As regras de elixibilidade non deben modificarse durante a competición en curso, e calquera cambio de regras debe seguir os procesos axeitados e debe estar baseado na evidencia científica", inciden desde o COI.

E esta mesma mañá o portavoz do COI Mark Adams reiterou a súa posición ao respecto: "Competiron e seguen competindo na competición feminina. Perderon e gañaron contra outras mulleres ao longo dos anos. E, por certo, deberiamos deixar absolutamente claro para todos que isto non é unha cuestión transxénero".

"O COI está sempre intentando facer un equilibrio entre a inclusión e a equidade, e iso é difícil e algo que teremos que analizar. Mais é unha cuestión totalmente distinta ao que está a suceder aquí, onde mulleres boxeadoras están a ser estigmatizadas e potencialmente forzadas a saír da competición", engadiu, en alusión á petición de descualificación da IBA.

Comentarios