MÁIS

Viquingos listos para loitar

A romaría viquinga desembarca en Catoira
Os 'drakkars' navegan nas augas xunto as Torres do Oeste na Romaría Viquinga. (Foto: Concello de Catoira)
photo_camera Os 'drakkars' navegan nas augas xunto as Torres do Oeste na Romaría Viquinga. (Foto: Concello de Catoira)

A vila de Catoira (comarca de Caldas) encetou onte a súa Romaría Viquinga. Este ano celebrarase a 64 edición desta festividade de Interese Turístico Internacional. Obras teatrais, representacións históricas, música e actividades para as crianzas estarán en todos os recunchos de Catoira. 

A vila conmemorará até o vindeiro 5 de agosto o desembarco no século IX do rei Ulfo nestas terras. Contará con diferentes actividades enfocadas para todo tipo de públicos. Un mercado medieval situarase todo os días na avenida da Ponte, con produtos gastronómicos e de artesanía. Unha das novidades desta edición é a Copa Viquinga de Fútbol Gaélico na tarde do sábado. Nesa mesma xornada celebrarase a tradicional cena viquinga, na que máis de 1.000 asistentes vestidas e vestidos para a ocasión degustarán gastronomía da terra. Para fechar o día, o espectáculo pirotécnico iluminará a vila mentres a veciñanza degusta unha queimada popular.

O ataque dos viquingos ao recinto das Torres de Oeste, na beira do río Ulla, e a posterior resistencia das tropas do Castellum Honesti é un dos pratos fortes da cita. Nel participarán arredor de 200 persoas e terá lugar o domingo ás 12.30. 

A cativada honrará os viquingos nas xornadas da Viquinguinha, que contempla actividades como un mini desembarco, xogos populares e zona infantil. Pola outra parte, o ViquingMusic volve un ano coa mellor música do país de balde. Grandes artistas recoñecidos como Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Fillas de Cassandra, Rebeliom do Inframundo ou Caamaño&Ameixeiras porán a bailar as tropas viquingas antes e despois da loita.

Máis en CULTURA
Comentarios