MÁIS

Os druídas de Vilaboa

Revalorización da vida atlántica e no rural.
A Casa dos Druídas  trasládanos a unhas orixes cheas de maxia (Foto: Casa dos Druídas)
photo_camera A Casa dos Druídas trasládanos a unhas orixes cheas de maxia (Foto: Casa dos Druídas)

Viaxar percorrendo a estrada nacional achéganos diferentes experiencias, entre elas, achar lugares tan singulares e máxicos como a Casa dos Druídas. 

Seguindo a N-554 á altura de Vilaboa (comarca de Pontevedra) atópase desde febreiro do ano 1996 este espazo creado para a restauración bioclimática dunha casa tradicional. Os menciñeiros celtas esperan neste fogar todos os días da semana, de 14 a 16.30 horas, menos os sábados que abren até as 17 horas. Outra excepción é a das segundas e terzas feiras, que encetarán a tarde ás 19.30 e 20 horas, respectivamente. Manolo Farto é o xerente deste atípico local. Xunto cos membros da Sá de máquinas, buscan realizar unha viaxe ás orixes celtas e máxicas da Galiza sen saír das grosas paredes de pedra do lugar. Durante os primeiros 20 anos de existencia, o local posuía unha forte actividade musical en galego. Agora, os druídas céntranse máis nos fogóns ao puro estilo enxebre.

O local bebe das tradicións atlánticas e da cultura celta

A Casa dos Druídas pretende recuperar e pór en valor as formas de vida e costumes da veciñanza do lugar. Todos os seus produtos gastronómicos son a base de distribuidores locais e da contorna. Ofrecen un menú tradicional ao estilo atlántico, afastándose da gastronomía mediterránea por completo. 

Sen dúbida, este local ten a capacidade de meternos de cheo na cultura e maxia propia dos nosos devanceiros celtas. Ademais, trátase dun espazo tranquilo e afastado do ruído propio das grandes cidades que arrodean Vilaboa. Incita á desconexión e a conectar coas orixes célticas.

A contorna atópase decorada con cogomelos, para introducirnos aínda máis nunha visita a un lugar máxico. No interior, o restaurante bebe das características dos museos e decora as súas paredes con elementos tradicionais: lareiras, imaxes da matanza do porco, nasas, etc. Os druídas non coñecen fronteiras e adoitan acoller veciñanza de máis aló da raia que se atopa facendo o camiño a Compostela.

Manxares atlánticos

Cantidades e presentacións propias da gastronomía atlántica; ese é o selo dos druídas que habitaron estas terras. O polbo de Ons e gambas, o raxo, as navallas de Cíes ou os pementos de Padrón son algunhas das especialidades. Como larpeirada non pode faltar unha boa torta feita con queixo de tetilla.

Natureza en Vilaboa

A medio camiño entre Vilaboa (comarca de Pontevedra) e Marín (O Morrazo) atópase a Lagoa Castiñeiras, unha paraxe de orixe artificial mais de gran riqueza en termos de flora e fauna. Foi creada nos anos 50. Carballos americanos, piñeiros e loureiros poboan a contorna, mentres as augas domínanas as troitas. 

Chan da Arquiña

Entre os cumios de Domaio e Xaxán, en Moaña (O Morrazo) atópase este dolmen con máis de 5.000 anos de historia. A edificación fórmana un túmulo de case 30 metros de diámetro e unha cámara megalítica de estilo corredor.  A mámoa non foi restaurada até comezos dos anos 50. Nesa mesma escavación acháronse diferentes pezas, como vasos de cerámica e materiais similares a machadas e coitelos. A cámara poligonal posúe 11 rochas verticais, mentres que o corredor consta só de cinco. Para a súa protección, Chan da Arquiña foi nomeado como Ben de Interese Cultural en 2011.

Máis en CULTURA
Comentarios