París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | Un as na manga

Ana Peleteiro voa até unha final na que con certeza nos regalará unha nova actuación para a historia.
A ribeirense Ana Peleteiro, esta sexta feira, no Stade de France. (Foto: RTVE)
photo_camera A ribeirense Ana Peleteiro, esta sexta feira, no Stade de France. (Foto: RTVE)

Ana Peleteiro non chega a París coas mellores marcas, pero si coa máxima confianza. Tanta, que esta sexta feira abondou un único intento para facer a marca mínima que daba o billete á gran final deste sábado (14,35). A ribeirá, oitava participante no seu grupo clasificatorio, saíu con tranquilidade absoluta e antes de saltar dirixiuse ao público para gañarse o apoio maioritario da bancada.

E clavouno. Con precisión cirúrxica, Peleteiro fixo un 14,36 que a mandou directa á final e lle permitiu marchar a descansar e empezar a preparar xa o 'Día D'. Así, como se nada, chegou e marchou en poucos minutos. E aínda que hai varias atletas con mellores marcas que a súa, xa demostrou nos Xogos de Toquio —onde foi bronce— e no Europeo de Roma do pasado xuño —campioa— que se crece nas grandes citas. Ana sabe cousas, como se adoita dicir.

Con toda certeza a ribeirá ten gardado un as na manga para este sábado, como tamén o tiña esta sexta feira o remeiro noiés Caetano Horta, quen se soubo repor da dolorosa derrota nas semifinais e fixo con Dennis Carracedo unha magnífica regata que lles valeu o diploma olímpico —o segundo para o galego— grazas a que foron quen de resistir o sprint final de Francia e Bélxica.

A poucos metros de alí, tamén no estadio náutico de Vaires-sur-Marne, o tomiñés Manu Ochoa debutou nos seus primeiros Xogos dunha forma practicamente inmellorábel. Voou na canle de augas bravas na carreira contra o reloxo de caiac cross para chegar con forza á primeira proba de fogo á que se enfrontará este sábado.

E se falamos de ases, hai quen veu a París cos catro. A piscina olímpica de La Défense Arena está a regalarnos, día tras día, un sinfín de finais para o recordo grazas a lendas vivas deste deporte como o francés Léon Marchand ou a australiana Kaylee McKeown, que van a vitoria e récord olímpico por carreira: tres no caso do francés, dúas para a australiana.

Comentarios