O apoio a Illa fende a ERC en dúas partes

Os resultados da votación interna nas filas republicanas para entregar o Goberno catalán ao PSC evidencia a fractura interna en ERC.

Marta Rovira e Oriol Junqueras o pasado 12 de xullo, en Cantallops, na comarca do Alt Empordà (Foto: Europa Press).
photo_camera Marta Rovira e Oriol Junqueras o pasado 12 de xullo, en Cantallops, na comarca do Alt Empordà (Foto: Europa Press).

ERC sae do proceso interno para definir a súa posición de voto na investidura do candidato socialista Salvador Illa peor do que entrou. Se ben a dirección republicana agardaba unha contestación interna a súa posición de apoio ao candidato do PSC en ningunha das súas previsións esperaba que esta chegase a representar o 44,8% da súa militancia.

O 53,5% da afiliación que avalou co seu voto a opción de Illa é unha maioría dividida. A mesma agrupa ao sector ligado á secretaria xeral, Marta Rovira, e a facción nucleada ao redor de Oriol Junqueras, que no vindeiro congreso da formación do mes de novembro están chamados a enfrontarse polo control orgánico do partido.

A precariedade da actual maioría de ERC é maior tendo en conta que as xuventudes da formación, onde a posición contra o apoio a Illa é amplamente maioritaria, non tiñan dereito a voto por non votacións desenvolvidas hoxe. Neste punto, non se descarta que a deputada das mocidades de ERC vote en contra da investidura do candidato do PSC

A correlación resultante do actual proceso interno avanza a conformación dun terceiro pólo na formación articulado arredor da militancia crítica co apoio ao PSC, diferente ao de Rovira e Junqueras. Un sector cuxa posición ser vería reforzada non escenario dun posíbel retorno a Catalunya e detención de Carles Puigdemont.

Unha posibilidade que gaña forza entre unha parte da afiliación de ERC é abandonar a formación. Nesta liña, colectivos da organización consideran que a decisión adoptada implica fechar definitivamente o 'procés'. Porén, até despois do congreso de novembro abren a porta a continuar.

ERC ten diante súa un escenario endiañado. Mais unha vez a alma nacionalista da formación enfrontarase con aqueloutra que prima a cuestión social, nunha liorta clásica que se remonta aos momentos fundacionais da organización en 1931. Un debate que se repetiu nas últimas décadas con protagonistas como Carod, Puigcercós, Junqueras ou Rovira.

A situación nesta ocasión é diferente. O acontecido en Catalunya nos últimos anos deixou unha pegada no corpo social nacionalista á que non allea a militancia e o electorado do ERC. Precisamente é este pouso o que explica parte do acontecido na votación de hoxe.

A dirección de ERC con este acordo co PSC non só pretendía evitar unha convocatoria electoral onde as sondaxes lle outorgaban un novo fracaso senón fechar o tempo político do procés entregando o Goberno catalán a un partido non nacionalista e trancando o camiño a Carles Puigdemont, persoa que representa para unha parte da sociedade catalá o legado do referendo de autodeterminación de 1 de outubro de 2017.

A veterana formación republicana entrou neste proceso dividida pero sae fendido. Porén, agora o debate non fica entre as dúas familias orgánicas que aspiraban a dirixir a formación, as conformadas ao redor de Rovira e Junqueras, senón que aterra cun terceiro vector que pon o foco na cuestión ideolóxica. É aquí as diferenzas parecen as insalvábeis.     

Comentarios