A militancia de ERC aproba co 53, 5% dos votos que Illa sexa o novo presidente de Catalunya

Rovira, secretaria xeral de ERC. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
photo_camera Rovira, secretaria xeral de ERC. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

A militancia de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), 8.226 militantes segundo o censo final trasladado pola formación na consulta que desenvolveu onte, decidiu apoiar o preacordo asinado pola dirección co Partit dels Socialistes (PSC-PSOE) para levar Salvador Illa, o seu líder, á Presidencia catalá a cambio dunha batería de medidas como un novo modelo fiscal equiparábel ao concerto do que gozan Euskadi e Nafarroa, a promoción da lingua catalá ou unha Convención Nacional para a resolución do conflito político.

Sexa como for, as mocidades de ERC, Jovent Republicà, advertiran que o voto final da súa deputada, integrada no grupo parlamentario da forza soberanista, Mar Besses, sería decidido nunha reunión do seu Comitè Nacional cuxa convocatoria se efectuaría tras coñecerse os resultados da votación interna.

Participación histórica

Na consulta participaron finalmente 6.349 persoas, 3.397 ratificaron o preacordo, 2.847 rexeitárono e rexistrou unha importante mobilización xa nas primeiras horas no contexto do papel determinante do resultado para o futuro político da formación e do país, como amosaba que antes das 13 horas xa votara case a metade do censo. Tanto boa parte da dirección como dos cargos públicos cos que conta ERC comunicaran o seu apoio ao preacordo.

Adrián Barbón

No que atinxe ao PSOE, o presidente de Asturias, Adrián Barbón, desatou onte unha crise ao subliñar que votará “sempre” en contra da saída de calquera territorio do réxime común, mecanismo do que tería que marchar Catalunya para implementar o financiamento pactado con ERC. En paralelo, non descartou acudir á Xustiza para evitar a súa aplicación.

Aínda que líderes territoriais da forza estatal como Javier Lambán de Aragón ou Emiliano García-Page, presidente de Castela-A Mancha, xa arremeteran contra a iniciativa, as súas críticas ás decisións procedentes do Goberno de Pedro Sánchez (PSOE) son habituais, mentres que Barbón é a nivel interno un aliado do mandatario.

Ao respecto, Barbón rexeitou sumarse á petición das agrupacións do PSOE en Castela-A Mancha, Aragón e Estremadura de convocar o Consello Político Federal para abordar a cuestión.

Asemade, a parella de Sánchez, Begoña Gómez, seguiu os pasos do presidente e presentou unha denuncia contra o xuíz Juan Carlos Peinado por prevaricación, revelación de secretos e de actuacións xudiciais declaradas secretas. Peinado dirixe unha causa contra ela impulsada pola extrema dereita.

Comentarios