Milleiros de persoas despiden Haniyeh en Tehran e Irán ultima as represalias contra o réxime israelí

O Consello de Seguridade da ONU teme unha "guerra total" na rexión.
Procesión fúnebre a quinta feira en Tehran pola morte do líder de Hamás Ismail Haniyeh. (Foto: Oficina do Líder Supremo de Irán / DPA vía Europa Press)
photo_camera Procesión fúnebre a quinta feira en Tehran pola morte do líder de Hamás Ismail Haniyeh. (Foto: Oficina do Líder Supremo de Irán / DPA vía Europa Press)

Coa presenza do xefe de Estado, Ali Khameini, e do presidente iraniano, Masud Pezeshkian, acompañados de responsábeis do Eixo da Resistencia, unha alianza de organizacións rexionais en defensa de Palestina, a quinta feira decorreu en Tehran o funeral de Ismail Haniyeh, líder de Hamás asasinado na cidade na madrugada da cuarta feira por un mísil -ataque detrás do cal todo indica que estivo Israel-, ao que asistiron milleiros de persoas.

Após unha cerimonia fúnebre entre berros de “morte a Israel” e aos Estados Unidos como cómplice, os corpos de Haniyeh e dun gardacostas que faleceu no atentado foron trasladados a Doha, a capital qatarí, onde residía desde que partiu en 2019 de Gaza cara ao exilio.

A expensas da decisión final do grupo palestino, o principal candidato para substituír Haniyeh é Khaled Meshaal, que xa sobreviviu en 1997 a un intento de asasinato israelí.

A 1.500 km de Tehran, na urbe libanesa de Beirut, desenvolveuse outro funeral, o do comandante de Hezbolá Fuad Shukr, asasinado nun ataque israelí á súa vivenda horas antes de que Haniyeh perdera a vida, e no que morreu Milad Bibi, asesor militar iraniano que vivía á súa beira, e cinco civís, tres mulleres e dúas crianzas. Arredor de 80 persoas resultaron feridas.

Se no caso de Hezbolá, que leva meses degradando os sistemas de defensa israelí, as represalias eran previsíbeis, o ataque sionista en Tehran puxo en cuestión a efectividade da seguridade interna iraniana, un dos elementos que determina que as eventuais represalias de Tehran sexan neste caso inevitábeis para restaurar o novo status quo de disuasión que logrou coa ofensiva aérea sobre territorio israelí en abril deste ano, como resposta á morte de altos cargos militares do país na súa embaixada de Damasco, Siria, nun bombardeo sionista.

Sobre esta cuestión, Khameini proclamou que é o seu deber "vingar" o asasinato, o que foi ratificado polo titular de Exteriores, Ali Bagheri Kani, que informou a Organización das Nacións Unidas (ONU) e a Organización para a Cooperación Islámica de que están decididos a “tomar todas as medidas necesarias para defender” a súa “soberanía contra calquera transgresión”. Asemade, o xornal The New York Times sostén citando funcionarios iranianos que nunha reunión de emerxencia do Consello Superior de Seguridade Nacional convocada logo de coñecerse o ataque a Haniyeh o xefe de Estado ordenou lanzar un ataque directo contra o réxime israelí.

Entre as opcións que se avalían está unha ofensiva con drones e mísiles contra obxectivos militares situados nas proximidades de Tel Aviv na que poderían participar conxuntamente as forzas do Eixo da Resistencia. Ao respecto, a axencia Reuters sinalou que cinco fontes corroboraron que altos funcionarios de Irán prevían reunirse a quinta feira con organizacións do Líbano, o Iraq e o Iemen para ultimar como procederán.

Xa no tocante a Gaza, que rexistrou como mínimo case 40.000 mortes a mans dos sionistas desde o comezo en outubro dunha agresión militar que persoas expertas da ONU cualifican de xenocidio e na que perpetraron crimes de guerra e contra a humanidade masivos, Israel aseverou que matou o líder da póla armada de Hamás, Mohammed Deif, nun ataque o mes pasado que asasinou aproximadamente 90 persoas en al Mawasi, designada por Israel como área humanitaria. Hamás apuntou que até que o grupo o anuncie oficialmente non se pode “confirmar ou negar” esa afirmación. O réxime israelí defende que lograron situar Deif no lugar grazas a información de intelixencia, algo que o seu Exército obtén nun grao significativo após torturar milleiros de persoas palestinas detidas arbitrariamente en campos de concentración.

O ataque a Tehran, coherente con reiterados intentos do Goberno de ultradereita israelí que encabeza Benjamin Netanyahu de boicotear as negociacións con Hamás, que lideraba Haniyeh, para un alto o fogo que implique un intercambio de persoas detidas, tamén imposibilita a curto prazo as políticas defendidas por Pezeshkian, que abrira a porta a dialogar coa Unión Europea (UE) e os Estados Unidos, un dos maiores medos do réxime de apartheid. Netanyahu chegou a exixir en 2015 no Congreso estadounidense a cancelación do acordo nuclear con Irán, que Washington rachou unilateralmente en 2018.

"Palabras baleiras"

Aínda que publicamente os Estados Unidos volveron demandar un alto o fogo, isto son “palabras baleiras”, remarca o xornalista e escritor israelí Gideon Levy en Haaretz, pois se “quixesen que esta guerra rematase, esta guerra tería rematado”, mais subministrar “armas a Israel e rogarlle que deteña a guerra é unha farsa”, detallando que os ataques a outros territorios da rexión responden ao interese de Netanyahu de que as hostilidades non rematen.

Ante as accións do Eixo da Resistencia para frear o xenocidio, accións que finalizarán cando o faga a agresión israelí, inciden estas formacións, o réxime de apartheid atacou ou causou danos desde outubro co aval dos EUA no Líbano, Siria, Exipto, Iemen, Xordania, Irán e Iraq, amais de en Palestina, recolle o Proxecto de Datos de Eventos e Localización de Conflitos Armados.

Lufthansa cancela a conexión con Tel Aviv

Mentres que Francia recomendou á súa cidadanía que non viaxe a Palestina, ao Líbano ou a Israel, a compañía de aviación alemá Lufthansa cancelou até o 8 de agosto todos os voos desde e cara a Tel Aviv polo “desenvolvemento actual na rexión”. Pola súa parte, o Consello de Seguridade da ONU abordou o asasinato de Haniyeh nunha xuntanza na que Palestina instou a comunidade internacional a non deixar que “Israel nos arrastre a todos ao abismo”.

Nese sentido, o Xapón trasladou os temores de que a “rexión estea ao bordo dunha guerra total” e o Líbano denunciou como “unha mostra de hipocrisía” que os sionistas insistan en afirmar que buscan “protexer a poboación que ocupan” cando só aspiran a “prolongar e escalar as hostilidades”.

Comentarios